CIG-Ensino pide a dimisión da directora xeral de FP por planificar a desaparición paulatina destas ensinanzas
A CIG-Ensino vese abocada a pedir a dimisión da directora xeral de FP ou a súa destitución inmediata por parte do conselleiro do Educación despois de que o seu departamento, sen previa negociación nin co profesorado nin coa súa representación sindical, lle remitira aos centros este luns unha proposta de oferta formativa para o vindeiro curso con apenas 24 horas para avaliala. Proposta que ten provocado quer non paren de chegar queixas do profesorado ao sindicato.
Nesta proposta constátase parte da folla de ruta que xa se coñecía por parte da Consellaría, como é a aposta pola modalidade dual, aínda que tal e como puxo de manifesto a CIG-Ensino nin sequera se atende a demanda do tecido empresarial nalgunhas familias profesionais como a de Hostalaría e Turismo e a de Cultivos Acuícolas.
Incremento exponencial dos ciclos a distancia
Porén, hai un novo elemento que fixo saltar todas as alarmas nos centros de ensino e que consiste nun incremento exponencial dos ciclos a distancia, tanto no que ten a ver cos de nova implantación, como na substitución de oferta que até o de agora viña sendo presencial, ou ben na modalidade ordinaria ou na modalidade modular.
Hai casos especialmente rechamantes que afectan especialmente ás familias profesionais de Servizos Socioculturaise á Comunidade, Administración e Xestión, e Informática e Comunicacións. En concreto, e só por citar algúns exemplos, no departamento de Servizos á Comunidade do CIFP A Xunqueira de Pontevedra suprimen un ciclo de FP básica e transforman dous ciclos superiores ordinarios na modalidade a distancia, nun caso incluso con oferta parcial de módulos, a falta de concretar se o vindeiro ano van poder impartir os segundos cursos destes ciclos. Algo que no CIFP Ánxel Casal da Coruña xa lles comunicaron que non ía ser posíbel e que afecta tamén a tres Ciclos superiores desta familia profesional (Integración Social, Mediación Comunicativa e Educación Infantil) que só se poderán rematar na modalidade online.A medida no centro coruñés implica deixar tirados a máis de 80 alumnos e alumnas que cursan 1º este ano.
A propaganda do PP fronte á realidade: recortes de profesorado no curso 24/25
Esta estratexia, tal e como alertou a CIG-Ensino, serve por un lado para “inflar” as cifras da oferta global que se anunciará nos vindeiros días, dado que a matrícula nun ciclo a distancia soe ser de 50 alumnos e alumnas mentres que nun ordinario ou modular é de entre 18 e 30.
Política de propaganda
Isto vaille permitir á Consellaría seguir coa súa política de propaganda porque obviamente non é o mesmo incrementar 5.000 prazas na modalidade ordinaria que a distancia, mentres que o número de profesorado apenas vai aumentar. Alén disto xa se coñece tamén pola prensa o incremento na oferta educativa que van ter algúns centros concertados e privados. En concreto, na familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade mentres se transforman os dous ciclos superiores do IES Chapela en oferta online concédeselle ao CPR María Inmaculada de Vigo 4 unidades do CM de Atención a persoas con dependencia de 30 alumnos e alumnas cada unha.
Á vista destas manobras, a CIG-Ensino acusa á Consellaría de enganar o profesorado e alerta de que tanto o fomento da FP a distancia como da dual (lembremos que na modalidade intensiva o alumnado pode estar até o 50% do horario total do ciclo na empresa) vai significar unha redución importante de postos de traballo, comezando xa no próximo curso escolar, aínda que con maior intensidade a partir do curso 2024/25.
O sindicato acusa á Dirección Xeral de FP de desmantelar estas ensinanzas en Galiza nun momento en que debían ser potenciadas e reforzadas. A Consellaría é plenamente consciente de que o nivel da calidade formativa, sobre todo nos estudos de carácter máis técnico ou práctico, diminúe ostensibelmente ao ser online e está actuando de forma premeditada para ir deixando morrer estas ensinanzas e centralizalas na nova rede paralela que pretende montar para as ensinanzas de persoas adultas centralizada nun “chiringuito”, o IGALVA, cuxa creación está prevista na Lei de Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta que vai ser remitida en breve ao Parlamento por parte da Xunta.
Manifestar o rexeitamento
A CIG-Ensino anima a todos os centros e ao profesorado afectado por esta estratexia a que aproben resolucións de claustro ou acordos de departamento e que as eleven á inspección, á xefatura territorial correspondente e á Dirección Xeral de FP para amosar o seu malestar polo desprezo ao que foron sometidos durante todo o deseño da oferta formativa e polas consecuencias laborais e académicas que van ter as decisións tomadas por esta DX.
Ao tempo, o sindicato chama o profesorado a concentrarse nos propios centros de traballo entre o xoves 15 e o venres 16, empregando o lema “Non aos recortes e ao autoritarismo na FP”.