CIG-Ensino e STEG inician un peche en Educación para reclamar que se fixe data de reunión co conselleiro

A medida desenvólvese ante a falta de resposta da Consellaría e ás portas da cuarta e quinta xornada de folga docente
Nacional - 11 Dec 2025

Un grupo de 15 delegados e delegadas da CIG-Ensino e STEGA permanecen nas dependencias de Educación no complexo administrativo de San Caetano (Santiago de Compostela) despois de coñecerse polos medios de comunicación que se está negociando o adianto da baixada de ratios e da redución horaria en secundaria.

A secretaria nacional da CIG-Ensino Laura Arroxo enmarca esta acción reivindicativa na estratexia de visibilizar o conflito laboral que mantén o profesorado galego coa Consellaría de Educación desde o inicio deste curso.

Ademais sinala que “despois de coñecerse que no marco da comisión de seguimento do acordo se están negociando avances en materia de recuperación horaria e de redución de ratios en Secundaria, a Consellaría non pode deixar á marxe ao sindicato maioritario nin ás organizacións que están convocando as mobilizacións que está secundando maioritariamente o profesorado galego desde o inicio de curso”.

Engade que as cuestións que están enriba da mesa superan, ademais, o propio acordo, tal e como demanda a CIG-Ensino. 

“Está claro que estes movementos non se producirían se non houbera estas mobilizacións, dado que o acordo supeditaba estas baixadas no caso do horario  a que a xornada do funcionariado pasase ás 35 horas semanais (algo que hoxe en día non está enriba da mesa)e no tema das ratios de secundaria non se ía iniciar a negociación até o remate da aplicación das novas ratios en infantil, isto é, no curso 26/27”.

A pasada semana, aproveitando un acto público do conselleiro, ambas centrais sindicais fixéronlle entrega en man dunha solicitude de reunión, ante o seu persistente silencio ás demandas do profesorado. Por iso, asevera Arroxo, “permaneceremos aquí até ter unha data de reunión e mantemos as folgas da vindeira semana que coincidirán coa aprobación dos orzamentos da Xunta para 2026”.