CIG-Ensino participa no XII Congresso da Federação Nacional dos Professores (FENPROF) en Porto do 28 ao 30 de abril
A CIG-Ensino, xunto con outras organizacións sindicais de 39 países dos cinco continentes, interveu no Seminario Internacional: “Um sindicalismo progressista ao serviço da Educação para todos”.
Na súa intervención, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, manifestou que “non é posíbel unha sociedade democrática e igualitaria se non se alicerza no dereito a unha educación para a igualdade, a solidariedade, a xustiza social e a paz.”
Louzao sintetizou a actual situación do ensino denunciando que se “implantan modelos educativos excluíntes e competitivos na procura de expulsar as clases populares, como así se reflicte na Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE), en vixencia no Estado español, que, conxuntamente co Espazo Europeo de Educación Superior, comportan unha maior mercantilización da educación e son todo un paradigma da política educativa deseñada polo neoliberalismo”.
A isto acrecentou que “só a educación pública pode ser garante dunha educación para todos e todas que se sustente na efectiva igualdade de oportunidades e na dotación de suficientes recursos para acadar a redución da taxa de fracaso escolar e do abandono escolar temperán.”
Anxo Louzao sinalou tamén que “Galiza e Portugal comparten un idioma común”, mais “hoxe, a lingua galega nin sequera ten os mesmos dereitos en Galiza que o idioma alleo, o español, sendo imposíbel exercer como galegos e galegas no propio país. Nestes últimos anos, sufrimos un retroceso aínda maior pola imposición dunha lexislación que impide o ensino galego en diferentes materias e niveis. Esta política lingüística, cuestionada polo Comité de expertos da Carta europea das linguas, supón unha verdadeira ameaza para a nosa lingua. Hoxe as xeracións máis novas falan un 40% menos o galego que os seus devanceiros.”
A CIG-Ensino trasladou neste congreso que o sistema educativo que sufrimos na Galiza se asenta na estrutura dun estado centralista que continúa a usar a educación para perpetuar o seu “status quo” e que somos vítimas dunha política educativa involucionista, mediante a aplicación da LOMCE que impregna todo o sistema educativo da ideoloxía neoliberal: privatización, mercantilización, confesionalidade, e clasismo. Segrega o alumnado a través dos itinerarios, subestima a función docente, elimina a xestión democrática dos centros e estratifícaos segundo os resultados académicos do alumnado.
Anxo Louzao expuxo que “a valorización do traballo do profesorado pasa porque se teña en consideración a súa opinión e participación nas decisións, pola elección democrática dos cargos directivos, pola formación gratuíta e permanente e pola súa xusta remuneración. Esta é a nosa loita e o noso obxectivo.” Como tamén é obxectivo do sindicato “Unha educación ao servizo de Galiza e as súas xentes, motor de transformación para acadar un sistema educativo galego público, laico, coeducativo e democrático.”