CIG-Ensino mobilizarase en demanda dun cambio de rumbo na política educativa e de persoal da consellaría
A CIG-Ensino ten convocada unha concentración para o venres 1 de xullo, ás 11 horas, diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano en demanda dun cambio de rumbo na política educativa e de persoal da consellaría de Educación. Con esta mobilización dáse continuidade á masiva resposta do profesorado galego na xornada de protestas nos centros convocada pola CIG-Ensino o pasado 8 de xuño.
A CIG-Ensino subliña que "sobran os motivos", por tanto, para mobilizarse e facerlle ver á consellaría que é preciso un cambio de rumbo nas súas políticas educativas e, especialmente, en materia de persoal.
Neste senso, denuncian que o final de curso rexistra unha chea de incidencias na planificación das actividades docentes na ESO e no Bacharelato, como xa alertara o sindicato na Mesa Sectorial cando se presentou o calendario escolar deste ano ao non contar con reforzos suficientes para poder atender a todo o alumnado.
Fronte a isto, a CIG-Ensino reivindica:
- Adiar o comezo do curso escolar, con inicio das actividades lectivas o luns 12 de setembro.
- Recuperar o papel protagonista do profesorado de Infantil nas decisións sobre o período de adaptación.
- Negociar un plan estratéxico de redución de ratios en todas as etapas educativas para facer fronte ás propias necesidades de mellora do sistema educativo e á caída de matrícula prevista para os próximos anos.
- Recuperación dos horarios lectivos de 18 sesións en secundaria e réxime especial e 21 en infantil, primaria e educación especial, como xa comezaron a aplicar outros Gobernos.
- Compromiso de non proceder ao peche de ningunha unidade, nomeadamente no ámbito rural, sen previa negociación coa representación sindical do profesorado e coas administracións locais afectadas.
- Reforzo en todos os niveis da atención á diversidade (desde a acción titorial e o profesorado especialista á orientación en centros e de equipos específicos)
- Redución da burocracia que afoga o profesorado, con maior dotación de persoal administrativo en todos os centros e o apoio á función docente na aula, coa ampliación dos cadros docentes, garantindo a creación de emprego no ensino público.