CIG-Ensino insta o conselleiro a adiantar a negociación do protocolo e a modificar os servizos mínimos para a folga
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, remitiulle esta mañá un escrito ao conselleiro de Educación no que lle pide que modifique a proposta de servizos mínimos que acaba de propoñer ao comité de folga. A carta remítese en resposta á misiva remitida por Román Rodríguez informando da reunión este xoves do Consello Escolar de Galiza e dunha reunión cos sindicatos posterior.
Así mesmo, Suso Bermello emprázao a responder canto antes se vai manter as ratios de 25 alumnas/os en Infantil, Educación Especial, Primaria e as ensinanzas de réxime especial coa falacia dos grupos burbulla ou vai evitar de facto a discriminación deste alumnado elevando a distancia a 1.5m como vén de facerse para secundaria e FP. Neste sentido, a CIG-Ensino amósase disposta a negociar desde xa mesmo estas e outras modificacións e solicita o axuste do inicio de curso para favorecer a adaptacións dos centros ás novas medidas.
O secretario nacional da CIG-Ensino afeoulle ao novo conselleiro que encete o seu mandato ofrecendo diálogo e á vez vulnerando o dereito á folga dos traballadores e traballadoras do ensino ao impor uns servizos mínimos que exceden os decretados en folgas anteriores e que no caso do persoal coidador, de cociña ou de limpeza chegan ao 100%.
“As súas boas palabras baten frontalmente coa primeira decisión que toma como conselleiro: impoñer uns servizos mínimos abusivos que buscan dificultar ou mesmo impedir o exercicio dun dereito fundamental e que o fagan case sen marxe de tempo", denuncia Bermello, quen xa adiatnou que a CIG-Ensino vai presentar recurso de urxencia no TSXG.
Disposición a negociar a modificación do protocolo
Non obstante, Bermello amosa a disposición a negociar "a calquera hora e desde xa" unha modificación dos aspectos máis lesivos do protocolo e agarda que o conselleiro traia propostas concretas á reunión de mañá. “Son os feitos e non as palabras ou as cartas os que retratan", asevera.
"Se o conselleiro ten algunha proposta que facer non debe agardar máis. Hai milleiros de persoas pendentes. O que poidamos dicir nós, tanto no seo do Consello Escolar como nesa reunión tardía que nos anuncia non vai diferir en nada do que xa dixemos e mantemos. Agora o que queremos saber é o que a consellaría ten que dicirlle aos sindicatos, ao profesorado, a todo o persoal dos centros, a toda a comunidade educativa, e a un país que xa ten que soportar unha pandemia e precisa que esa crise non se estenda a un ámbito tan fundamental e delicado como o educativo”.
Prioridades urxentes
Na súa misiva, Suso Bermello sinala as reivindicacións máis urxentes que ten neste momento o profesorado e a comunidade educativa para unha volta segura ás aulas, e aproveita para formularlle directamente varias preguntas ao novo conselleiro a respecto da modificación negociada do protocolo, a distancia mínima e a redución de ratios ou as posibilidades de mudar o inicio de curso para poder organizar ben os centros.
Así mesmo, o secretario da CIG-Ensino inquire pola situación do profesorado vulnerábel, a asunción de reponsabilidades por parte da Consellaría, a posibilidade de que os centros dipoñan dun orzamento especial para implementar as medidas anticovid ou sobre que medios se disporán para garantir a teledocencia universal e equitivativa no caso de verse interrumpida a docencia presencial.