CIG-Ensino insta á Consellaría de Educación a asumir a súa responsabilidade en materia de igualdade
A CIG-Ensino ten amosado en numerosas ocasións á administración educativa a súa preocupación pola falta de cumprimento da normativa que xira arredor da igualdade no eido educativo, tanto no ámbito laboral como nos centros de ensino. Nese sentido leva anos reclamando que a Consellaría de Educación constitúa a comisión de negociación do plan de igualdade do persoal docente.
A CIG-Ensino lembra que toda administración pública, na súa condición de empregadora, está obrigada a elaborar un plan de igualdade, que non pode ser imposto de maneira unilateral, debendo recorrer á súa negociación colectiva. Subliña ademais que os plans de igualdade, tanto do sector público como privado, constitúen un conxunto de medidas adoptadas despois de realizar un diagnóstico de situación, tendentes a alcanzar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes e a eliminar a discriminación por razón de sexo.
Os obxectivos a alcanzar nun plan de igualdade de calquera entidade pública pasarán pola promoción da igualdade de trato e oportunidades no emprego público, así como as estratexias ou medidas a adoptar para a súa consecución.
O plan de igualdade dotará á Administración dunha ferramenta que permita a representación equilibrada e garantir a igualdade efectiva entre mulleres e homes no emprego público e nas condicións de traballo. Son exemplos de desigualdade, entre moitos outros: a discriminación que se produce cando non se reserva unha vacante a unha muller en situación de IT derivada do embarazo, a falta de previsión da administración para que unha nai poida aleitar unha crianza durante as oposicións sen perda de dereitos, a infrarrepresentación feminina nos cargos directivos, a fenda salarial derivada das excedencias e reducións de xornada que asumen as maioritariamente as mulleres.
Ademais o plan de igualdade debe recoller a prevención do acoso moral, sexual, por razón de sexo ou por razón de orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero que se puidera producir no traballo e ante o que non existe un protocolo de actuación que ampare ao profesorado.
A Consellaría de Educación menospreza o traballo de coordinación de igualdade nos centros educativos e desatende os plans de igualdade do alumnado
A instrución do 6 de setembro 2019 ten por obxecto regular a elaboración do plan de igualdade dos centros docentes sostidos con fondos públicos e recolle que a Inspección educativa ten a obriga de supervisar ese plan para verificar a súa adecuación ao establecido nas instrucións, formular as suxestións oportunas e indicar as correccións que procederan. Mais na CIG-Ensino non consta que este labor se estea levando a cabo, polo que demandou á Consellaría en diversas ocasións un apoio e seguimento dos plans e protocolos dos centros e o fomento e creación de equipos específicos e amplos de igualdade e a dotación dunha persoa coordinadora con asignación horaria, en igualdade de condicións con outras coordinacións existentes nos centros.
A CIG-Ensino traballa para a mellora da formación docente en coeducación e leva anos poñendo a disposición do profesorado recursos para a elaboración e actualización dos plans de igualdade dos centros educativos, porque creeos neles como ferramenta. Dispón ademais, na súa páxina web, dunha sección –Mulleres-, onde ademais deses recursos se recollen as referencias legais en materia de igualdade a ter en conta á hora de elaborar os plans de igualdade: https://www.cig-ensino.gal/mulleres.html