CIG-Ensino, favorábel ao papel das equipas docentes, á avaliación continua e ao reforzo da atención ao alumnado

Así o transmitiu Suso Bermello ao conselleiro, ao que afeou o uso partidista do cargo

Nacional -

O secretario nacional da CIG-Ensino participou nunha reunión á que foi convocado polo conselleiro de Educación para coñecer a opinión sindical sobre o novo RD de avaliación na que Bermello afeou o uso partidista do cargo por parte do conselleiro. Bermello confimrou ademais a posición favorábel do sindicato ao papel central das equipas docentes, a avaliación continua e o reforzo da atención o alumnado.

“Menos uso partidario do cargo de conselleiro e máis interlocución coa representación sindical en todos os temas educativos. Menos laiarse da suposta unilateralidade do Ministerio e máis aplicarse o conto nas actuacións da Consellaría”.

Así podería resumirse a conclusión da primeira toma de contacto que o conselleiro de Educación tivo desde a publicación da LOMLOE coa representación do profesorado para tratar sobre o seu desenvolvemento e na que o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, fixo un repaso pola posición que o sindicato maioritario no ensino público mantén sobre os exames finais, e que é coincidente coa expresada na Mesa Sectorial na que a Consellaría anuncio o cambio dos exames de setembro a xuño na ESO e 1º BAC.

Desde a perspectiva pedagóxica a defensa dunha avaliación continua e por competencias fai que os exames extraordinarios -e mesmo os ordinarios- deban ter un papel secundario no proceso de aprendizaxe, mais insistimos en que por si só esta medida é insuficiente. A ausencia dunha memoria económica na LOMLOE e o conseguinte incremento de fondos destinados á educación que a acompañe, para ampliar os claustros e potenciar a atención á diversidade e o acompañamento e reforzo do alumnado que promociona con carencias, pode provocar que unha medida positiva non teña os efectos agardados e que, aínda que se reduza o lastre da repetición de curso, non se afronte realmente o problema do fracaso escolar.

Inexistencia de máis fondos para educación

Así, na liña da inexistencia de máis fondos para educación, o texto do RD 984/2021 recolle expresamente na súa disposición adicional única que “a aplicación das medidas incluídas neste real decreto non poderá supoñer incremento de dotacións nin de retribucións nin de outros gastos de persoal”.  A CIG-Ensino considera que sen maior investimento en profesorado todo cambio está condenado ao fracaso. Neste sentido amosa igualmente a súa crítica coa decisión da Xunta de recortar en 868 o profesorado do ensino público nos orzamentos de 2022.

O secretario nacional da CIG-Ensino lembroulle ao conselleiro que o uso partidario das institucións en todo debate que se faga ao redor da educación é un mal endémico en Galiza e no Estado e que o comportamento evidenciado polo actual goberno Feijóo, e pola Consellaría de Educación en particular, evidencia que o interese central da Xunta está en facer oposición das decisións e propostas do Goberno, con independencia de que sexa acertadas ou non.  Así, Bermello destacou:

  • Non houbo até hoxe nin a primeira reunión do conselleiro coas organizacións sindicais sobre o desenvolvemento da LOMLOE en xeral e sobre o borrador do RD de avaliación en particular. Por iso chama a atención que se nos convoque agora, xa co prato servido na mesa, sen que contase connosco en toda a tramitación previa. En ningún momento se quixo coñecer o pensaba o profesorado á hora de fixar a posición da Consellaría.
  • Ese comportamento de toma de decisións de costas ao profesorado tamén o denunciamos co Ministerio e, neste sentido, a CIG-Ensino considera que non se están a facer as cousas ben desde Madrid: nin hai interlocución nin se percibe unha liña de actuación clara en todo o relacionado co desenvolvemento da LOMLOE.
  • Parécenos totalmente fóra de lugar que se fale de “aprobado xeral” cos novos criterios de avaliación e promoción. Con ese discurso calquera podería criticar á Xunta por levar os exames finais de setembro a xuño. Había nese caso unha intención de “aprobado xeral”?
  • Apostamos por darlle un papel principal ao traballo en equipa do profesorado, fortalecendo a coordinación pedagóxica e a avaliación do traballo ao longo do curso escolar. Mais é preciso que se acompañen con cambios importantes que, moito nos tememos, non se van propiciar por parte da Xunta, movida polo seu interese partidista.
  • Con todo, a CIG-Ensino comparte que tería sido unha mellor opción para este curso escolar manter as previsións fixadas na orde de calendario escolar e que, por tanto, se puidesen facer probas finais en xuño como transición a un curso escolar, o 2020/23, no que entrase plenamente en vigor a nova norma. Non compartimos a opinión expresada polo Consello de Estado (que tería levado ao Ministerio a mudar o seu acordo, entre outros, coa Consellaría de Educación) de que permitir que as Comunidades Autónomas decidisen se facer ou non probas finais sería romper a igualdade.
  • A igualdade no trato implica tratar do mesmo xeito a un mesmo colectivo e todo o alumando das aulas galegas sería tratado baixo unha mesma norma. O que provoca o Ministerio coa súa decisión, é imposibilitar que Galiza exerza, sequera neste curso escolar, as súas competencias e é neste punto no que a CIG-Ensino se mostra máis crítica do Goberno. Así e todo, cando o conselleiro fala de incerteza nos centros educativos co momento actual, é moi probábel que inclúa nesa definición o feito de que desde a Consellaría que el dirixe non se tivese dado nin a máis mínima indicación sobre como organizar as últimas semanas do mes de xuño cando se prevían os exames finais uns quince días despois de rematar as clases do terceiro trimestre.
  • O conselleiro é moi libre de predicar os males que causa o goberno central. Nalgúns coincidimos, noutros non. Mais a coherencia cos propios feitos debe primar sobre os intereses de parte: cando se critica a tardanza na publicación dos currículos de ESO e Bacharelato (prevista para o 1º trimestre), algo no que coincidimos tería que botar a ollada atrás e ver cando se deron a coñecer con Wert no Ministerio: máis tarde, pero e cunha Consellaría arrastro para a súa forzada entrada en vigor no comezo de curso.

Volver