CIG-Ensino exixe a Rueda a recuperación do horario lectivo para “non quedar de comparsa” de Ayuso

Anuncia mobilizacións, na concentración de delegadas/os durante a Mesa Sectorial, pola inacción da consellaría
Nacional - 13 Xun 2023

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da Escola Galega da Administración Pública, na que tivo lugar unha Mesa Sectorial docente ordinaria, que non recollía na Orde do Día como demandaba o sindicato, o inicio das negociacións para recuperar o horario lectivo previo aos recortes que, nestes momentos, só manteñen Galiza e Madrid.

O secretario nacional Suso Bermello, lembrou que o resto de CCAA xa foron recuperando eses dereitos e que o profesorado galego pasou de ter as mellores condicións laborais de todo o Estado, en canto a horario, coa chegada ao poder de Feijóo a estar directamente na cola.

Bermello insistiu en que o que se pide “non é traballar menos, senón facelo en mellores condicións para dar resposta ás necesidades do alumnado que tamén foron variando e cambiando moito ao longo dos últimos 14 anos e para recoñecer as necesidades de mellora dun profesorado castigado polo PP desde hai anos”.

Nese sentido explicou que “hoxe en día atopámonos con profesorado que imparte en moitísimos niveis diferentes e a un número moi elevado de estudantes, chegando até os 300 nalgúns casos, con aulas masificadas sobre todo nas vilas e cidades galega e cunha sobrecarga de traballo burocrático que non existía hai unha década”.

Mobilizacións

Bermello anunciou mobilizacións, toda vez que a Consellaría se negou directamente a abrir ningún tipo de negociación no que resta de curso ou mesmo durante o mes de xullo, para que esta recuperación de dereitos se poida facer efectiva a partir do 1 de setembro, “o que fará que o profesorado galego teña que seguir agardando a recuperar o que xa tiña antes dos recortes, non se están pedindo melloras senón o que xa tiñamos”, insistiu.

A Xunta favorece o ensino concertado en detrimento do público

Para o secretario nacional da CIG-Ensino, esta negativa é aínda máis “ferinte” cando hoxe mesmo se lle remitiu ás organizacións sindicais con representación no ensino concertado unha proposta de recolocación do persoal que poida ser despedido pola redución de unidades ou a caída da natalidade. No acordo entre a Xunta e a patronal figura que a primeira se fará cargo de abonar até 6.000 euros por cada docente que teña que ser despedido.

Así, alertou de que seguramente ao longo do verán se anunciará o peche de unidades de infantil no ensino público e tamén de cara ao vindeiro curso se suprimirá ou desprazará mestres e mestras de primaria que terán que abandonar o seu centro e pasar a ter un destino provisional.

A isto engadiu a última estratexia da administración de crear unha estrutura paralela da Consellaría para a formación a distancia de adultos, na que se enmarca a comunicación que recibiron onte moitos centros de FP de que a oferta que viñan impartindo na modalidade modular presencial pase a ser a distancia, é dicir, exclusivamente online. “Isto como xa alertamos cando se coñeceu o anteproxecto de Lei para a ensinanza ao longo da vida adulta vai significar unha redución de postos de traballo docentes, dado que no ensino a distancia se precisa menos profesorado que no presencial, algo que tamén se pretende aplicar nas ensinanzas non regradas, na Educación Secundaria para Adultos, coñecida como ESA, e no Bacharelato de Adultos”.

A prioridade da administración, dixitalización fronte a persoal docente

Outra das críticas que formulou Bermello na súa comparecencia durante a concentración foi que a Consellaría segue apostando claramente pola dixitalización dedicando inxentes cantidades de diñeiro a diferentes partidas neste eido fronte ás necesidades que lle trasladan os centros de máis persoal.

Puxo como exemplo o recente anuncio do presidente Rueda de que van investir 19 millóns de euros en que todos os centros educativos, tanto públicos como privados, conten cunha dotación do programa Polos Creativos, o que sae a unha contía aproximada de 13000 euros de material por centro. Este programa, que xa se iniciou o ano pasado, colleitou moitas críticas por parte do profesorado porque non se lle dera a formación necesaria coa antelación suficiente para o uso deses equipamentos e porque lle supuña un gasto a maiores no seu mantemento.

Pola contra, na Mesa Sectorial de hoxe levábase a Orde de creación dunha nova figura obrigatoria nos centros, a coordinación de benestar emocional e convivencia, con grandes responsabilidades porque é a que ten que afrontar cuestións tan complexas como a xestión de protocolos antisuicidio ou dos riscos psicosociais do alumnado, o trato coas familias ante problemas de convivencia ou condutuais, entre outras. “Pois ben, a administración pretende que o persoal docente que asuma estas tarefas o faga sen redución horaria nin un complemento económico, como si se lle recoñece a outras coordinacións, é dicir, que o faga por puro voluntarismo, responsabilidade e compromiso para atender o que a Consellaría desatende”, sentenciou.