CIG-Ensino exixe a restitución do dereito das docentes a facer a revisión xinecolóxica en Pontevedra
A CIG-Ensino denuncia a negativa da empresa Cualtis a facer as revisións xinecolóxicas das profesoras en Pontevedra, informando da obriga de desprazarse a Vigo e esixe “a intervención da Consellaría para que remate con este agravio e restitúa este dereito”. No total da provincia de Pontevedra hai algo máis de 8.000 mulleres traballando no ensino público (entre docentes e non docentes) polo que a restrición deste dereito podería afectar a unhas 4.000 mulleres aproximadamente.
Dende a central sindical sinalan que “comezaron a recibir numerosas queixas de profesoras da zona norte da provincia ás que a empresa Cualtis negou a posibilidade de seguir facendo as súas revisións xinecolóxicas en Pontevedra e eran derivadas a Vigo.” Téñase en conta que isto provoca que unha muller que traballe no Deza ou no Salnés vai ter que atravesar a provincia cando até agora a revisión se facía en Pontevedra.
Postos en contacto con responsábeis da empresa Cualtis, dende a CIG-Ensino sinalan que “a empresa recoñeceu que informaban da obriga de se desprazar a Vigo, o que ocasiona un evidente prexuízo e gasto para as docentes e, na práctica, significa que Vigo será o único lugar de toda a provincia para estas revisións”, nun colectivo o que contrasta, por exemplo, coa situación na provincia da Coruña onde se mantén este servizo nas tres cidades.
Por outra banda, dende a CIG alertan de que “estamos diante dun acto fraudulento, xa que ao mesmo tempo que Cualtis deriva a Vigo, mantén o servizo en Pontevedra baixo mínimos”.
Así, explican que “atende só a aquelas persoas que protestan para non seren derivadas a Vigo ou que saben que en Pontevedra o servizo segue activo, en contra da información que proporciona Cualtis.” Nese sentido, apuntan que “o que busca Cualtisé poder afirmar que non hai demanda en Pontevedra e así eliminar definitivamente a revisión xinecolóxica da cidade, o que é impresentábel, xa que non variaron as condicións de contratación da Consellaría coa empresa e, polo tanto, este ano, coas mesmas condicións que o ano pasado, ofertan peor servizo ao derivaren ás mestras a Vigo.”
Dende a CIG-Ensino esixen “a intervención da Consellaría para que se restitúa o dereito do profesorado a facer a revisión xinecolóxica en Pontevedra e se poña fin ao agravio que supón o desprazamento a Vigo.”
Ademais, lembran que “a CIG-Ensino gañou o dereito ao recoñecemento médico do persoal docente no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e no Tribunal Supremo” e que na execución de sentenza o sindicato reclamou que a revisión se fixera no SERGAS, co conseguinte aumento de persoal”. Porén, a Consellaría desoíu esta demanda, optando pola privatización e “as consecuencias estámolas vendo agora.”
O sindicato, con independencia de que non estea de acordo coa prestación por parte dunha empresa privada da revisión médica anual obrigatoria a que toda traballadora e traballador ten dereito pola Lei de Prevención de Riscos Laborais, defenderá con uñas e dentes que se cumpran as cláusulas do contrato e que todo o persoal docente teña a protección da saúde mínima que a lei lle garante.