CIG-Ensino exixe a negociación da redución da carga lectiva e das ratios en setembro ou haberá mobilizacións
O profesorado galego sitúase como o colectivo docente con maior horario lectivo do Estado. As avultadas ratios non se reducen, malia a leve caída da matrícula pola diminución da poboación escolar, e tampouco diminúe a burocracia, que condiciona o traballo diario do persoal docente. Estas son, para a CIG-Ensino, as cuestións centrais que lastran o inicio de curso, tanto da perspectiva laboral do profesorado, como da propia educación pública en Galiza.
Así o manifestou esta mañá o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, na rolda de prensa na que compareceu xunto cunha representación da Executiva da federación para facer unha valoración inicial deste arrinque de curso. Comparecencia na que Bermello trasladou a “exixencia clara e irrevogábel” á consellaría de Educación de que “ou hai unha proposta negociadora enriba da mesa, antes de rematar o mes de setembro, para reducir a carga lectiva do profesorado, acometer a redución de ratios e rebaixar as tarefas burocráticas, ou o profesorado terá claro que ante o reiterado desprezo por parte dos responsábeis políticos da consellaría só cabe a mobilización”.
Neste sentido avanzou que “a CIG-Ensino está disposta a convocar folga, buscando, en todo caso, o maior grao de unidade sindical e de resposta social do profesorado posíbeis”.
Por iso, ante este inmobilismo da consellaría de Educación, Bermello exixiu a recuperación do horario lectivo de 18 e 21 horas, xa que en infantil e primaria está en 25 horas e en 20 horas no resto dos niveis educativos. Unha medida que redundaría “na mellora das condicións de traballo, no reforzo da coordinación pedagóxica e na propia atención educativa do alumnado”.
Xunto a isto demandou que se reduzan legalmente as ratios para chegar a 15 alumnos/as en Infantil, 20 en Primaria e 25 na ESO e o Bacharelato; que se teña en conta o alumnado repetidor e con necesidades educativas para reducir a ratio ordinaria; limitar o alumnado ao que ten que atender cada docente, evitando situacións como as actuais, nas que unha mesma persoa dá clases mesmo a 200 alumnos/as diferentes e a autorización de desdobres en determinadas materias lingüísticas e de ámbito científico tecnolóxico.
Ampliación da oferta educativa na rede pública
O secretario nacional da CIG-Ensino reclamou, canda isto, a ampliación da oferta educativa na rede pública, evitando o peche de unidades e a supresión de profesorado, como vén de acontecer, con 60 unidades pechadas e a supresión de 89 mestres e mestras. Por iso clamou pola limitación do número total de alumando que pode ser agrupado en aulas con diferentes niveis educativos e a redución, ao mínimo imprescindíbel, do número de alumnos/as de unitarias para manter os centros abertos, “sempre de acordo coa opinión das familias e coa previsión a medio prazo da evolución da poboación infantil na zona de influencia”.
Xunto a isto exixiu limitar os concertos educativos, considerando a rede concertada como un elemento de carácter supletorio. Foi especialmente incisivo coa demanda de “control do cumprimento, por parte dos centros do Opus Dei, da escolarización non segregada que a usaron como recurso para evitar a anulación dos seus concertos”, que a CIG-Ensino “pon en dúbida” e advertiu que o sindicato “actuará se se comete unha fraude de lei”.
Respecto da burocracia, denunciou o seu preocupante incremento e “fronte á única ocorrencia do conselleiro de crear unha comisión de expertos que analice a situación” lembroulle que para a CIG a resposta ten que ser a ampliación de postos de traballo de persoal non docente en todos os centros”.
Non esqueceu, o secretario nacional da CIG-Ensino, alertar contra a aposta polo ensino a distancia en detrimento do presencial coa redución unilateral da oferta presencial na FP en contra do criterio da comunidade educativa.
Inestabilidade laboral e precariedade: 2.670 docentes interinos
Ante as cifras que xa se coñecen nesta altura, tras a adxudicación dos destinos provisionais para o curso escolar, Bermello explicou que a acumulación das xubilacións de dous cursos escolares sitúan a porcentaxe do persoal interino por riba do 8%, cando o obxectivo declarado pola propia Consellaría é que esta porcentaxe non supere o 5%. “Tendo en conta as 137 interinidades que se adxudicarán telefonicamente nesta semana, hai un total de 2.670 docentes interinos, o que eleva a máis dun 8,5% a cota de interinidade”.
A maiores, denunciou que as cifras de profesorado que imparte materias que non son as propias da súa especialidade segue en máximos, chegando a case un terzo do profesorado sen destino definitivo o que imparte afíns e mantendo igualmente elevada a cifra de mestres e mestras que teñen itinerancia e imparten docencias en dous ou máis centros. Neste caso, dixo, “chama a atención que até un 50% das persoas que son orientadoras en centros de infantil e primaria con destino provisional son itinerantes”.
Denunciou tamén o elevado número de medias xornadas cun total de 60 interinidades de curso completo, afirmando que “a precariedade laboral que implica traballar a media xornada debe limitarse ao mínimo imprescindíbel (cobertura de reducións de xornada) e non para a oferta ordinaria de necesidades do profesorado”.
Xunto a isto rexeitou a política da consellaría de aumentar as contratacións con data de remate até 30 de xuño para cubrir postos vacantes cuxos docentes non se van incorporar en todo o curso. “Así o fai con 72 prazas para substituír profesorado que exercerá funcións de equipo ADIX ou Raogal”, dixo. E defendeu que “todo o profesorado que ocupe a praza dun titular que non se incorpore no verán ao seu posto e traballo debe ter contrato até finais de agosto, xa que o contrario é unha discriminación tanto ao respecto do funcionariado de carreira como do resto do profesorado interino.
Demandou a negociación dunha ampla oferta de emprego docente que teña en conta as xubilacións de 2022 e 2023 e a negociación de cambios no acordo de persoal interino para ter en conta o persoal de longa antigüidade á hora de fixar as prazas a ofertar en cada especialidade e a regulación das materias afíns por ámbitos académicos, reducindo a unha afíns e unicamente dentro dese ámbito a negociar.
Ademais reclamou a redución das itinerancias ao mínimo imprescindíbel e o reforzo dos e das profesionais especialistas na atención á diversidade (AL, PT, Orientación) en todos os centros, evitando que teñan que atender varios centros; a extensión de todos os contratos docentes até a efectiva incorporación do titular e a anulación do límite do 30 de xuño se a persoa non se incorpora nos meses de xullo e agosto e o pago de todo o verán a aquel profesorado substituto que traballe cinco meses e medio, para rematar coa vergoña de que un dereito sexa negado ano tras ano pola Consellaría coa pasividade doutros sindicatos que o avalan.