CIG-Ensino esixe respecto aos dereitos do profesorado na conversión do Lamas de Abade en CIFP
A CIG-Ensino vén de demandar “transparencia” á Consellaría de Educación e que respecte os dereitos do persoal docente no proceso de conversión do IES Lamas de Abade en CIFP. Denuncia que desde o primeiro momento a administración actuou con opacidade e non informou a comunidade educativa dos seus plans e considera que un cambio desta relevancia non se pode realizar coa improvisación que está actuando a Xunta, mermando a calidade e a oferta educativa de secundaria e bacharelato na capital de Galiza.
Tras da asemblea mantida con profesorado de secundaria e bacharelato afectado polos plans da Consellaría de Educación de transformar o IES Lamas de Abade nun Centro Integrado de Formación Profesional, a CIG-Ensino, a través do seu secretario comarcal, Rubén F. Monteagudo, manifesta o seu apoio ás críticas vertidas pola comunidade educativa sobre como se está a realizar este proceso.
En primeiro lugar, chama a atención a falta de transparencia e de información directa por parte dos responsábeis desta decisión ao colectivo de profesorado e de familias afectadas que nestes intres seguen sen coñecer exactamente en que consiste este proxecto, os prazos de execución e as repercusións que isto terá para o persoal docente.
Neste sentido, e dado que un cambio deste nivel afecta claramente ás condicións laborais do profesorado, a CIG-Ensino defende e así llo trasladou á Consellaría que se debería tratar nunha Mesa Sectorial a situación na que vai quedar este persoal.
En segundo lugar, sorprende que a Consellaría estea actuando con esta improvisación e con esta premura de tempo. A reubicación do alumnado do IES Lamas de Abade no IES de Sar e no IES Pontepedriña, como parece que é a súa intención, “non está minimamente planificada nin analizada en termos de espazos, dotación de servizos, accesibilidade, cumprimento de protocolo COVID… sobre todo se se quere acometer xa no próximo curso.
Por iso a CIG-Ensino insta á Consellaría que dirixe Román Rodríguez a consensuar coas ANPA´s, co profesorado e coa representación sindical os pasos que se van seguir e a estudar cada unha das propostas que a propia comunidade educativa lle trasladou, incluída a da construción dun novo centro.
En calquera caso desde o sindicato nacionalista defenderase que os dereitos do profesorado non se vexan alterados por este cambio e que tanto a oferta de prazas escolares no ensino secundario, como o cadro de persoal docente en Santiago non se vexa reducida, especialmente na zona educativa do IES Lamas de Abade.
O modelo privatizador dos CIFP´s
Por outra banda a CIG-Ensino tamén critica que a mellora da Formación Profesional, moi necesaria e demandada tanto a nivel educativo como social, non se pode facer sen ningún plan serio e definitivo de dotación de persoal docente, de espazos, de equipamento e de formación do profesorado.
O único que a Consellaría entende como potenciación da FP é crear Centros Integrados, un modelo no que se introduce de forma moito máis feroz a empresa privada, incluso en termos de xestión e de selección do alumnado e se burocratiza aínda máis o traballo docente, que debe centrarse na impartición de clases e na atención ao alumnado. Para a CIG-Ensino a mellora da FP pasa por incrementar o profesorado e a dotación de equipamento nos centros e non por modelos de xestión empresarial na educación.