CIG-Ensino esixe a convocatoria da Mesa Sectorial para tratar a oferta de emprego público
A CIG-Ensino dirixiuse por escrito á Consellaría de Educación pedíndolle que convoque coa maior brevidade posible a Mesa Sectorial para tratar a oferta de emprego público.
A CIG-Ensino xa se dirixiu o 1 de decembro de 2016 ao presidente da Mesa Sectorial Docente Non Universitaria para solicitar a súa convocatoria, a fin de negociar a oferta de emprego público para o ano 2017, sen que até agora fose convocada.
“É inxustificábel que nesta altura as persoas opositoras non coñezan nin sequera as especialidades nas que se pretende convocar oposicións, someténdoas a unha incerteza innecesaria que repercute na planificación e preparación das mesmas”, explica Anxo Louzao, o secretario nacional da CIG-Ensino.
“Os continuos recortes destes anos nos cadros de persoal lévannos a reclamar que a oferta deste ano non estea limitada polas taxas de reposición, senón que cubra todas as necesidades educativas dos centros”, engade Anxo Louzao.
Por iso diante da situación actual a CIG-Ensino solicitoulle de novo onte que, coa maior brevidade posíbel, convoque a Mesa Sectorial, pola necesidade urxente de despexar a incerteza á que esta sometido o colectivo de opositores e opositoras.