CIG-Ensino esixe a negociación inmediata das medidas preventivas e educativas do próximo curso
A CIG-Ensino reclamoulle ao goberno do PP "que deixe dunha vez os seus cálculos electorais" e que convoque unha negociación de forma inmediata para abordar a planificación das medidas preventivas e educativas nas que se vai desenvolver o vindeiro curso. “Nestes momentos noutras comunidades, de todas as cores políticas, xa están avanzadas estas negociacións e aquí o único que sabemos é que a Xunta do PP mantén a súa dinámica de pechar unidades educativas coma todos os veráns. Os centros, o profesorado e as familias non se merecen tanto desprezo e desatención”, aseverou o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
Diante da contradición permanente e do deixamento de funcións da Consellaría de Educación dende o inicio da crise sanitaria, a CIG-Ensino despois de promover a aprobación de resolucións en claustros e unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar a negociación desta planificación, realizou esta mércores unha concentración diante da Consellaría de Educación na que recreou unha aula de 50 metros cadrados, superior á medida das aulas dos centros galegos, na que se distribuirían un grupo de 20 alumnos e alumnas para esixir que se tomen as medidas oportunas para manter a distancia de 1,5 metros de seguridade.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, lembrou que a única forma de garantir este distanciamento físico é mediante a redución de ratios e o incremento de profesorado e avogou porque o ensino sexa exclusivamente presencial, porque é a única fórmula válida, durante todo o curso. Así mesmo, durante a concentración púxose de manifesto que a única novidade que se ten da Consellaría nos centros nestes momentos é naqueles aos que se lles está comunicando que se pechan unidades, unha práctica habitual de todos os veráns, "que demostra que nin sequera en tempos de pandemia o goberno de Feijóo paraliza os recortes ao ensino público".
"Desde a CIG-Ensino promovemos todo o contrario, reabrindo incluso centros e unitarias pechadas nos últimos anos, nun documento de 15 páxinas que condensa as peticións manifestadas polo profesorado galego desde os centros para garantir a presencialidade o vindeiro curso académico", apuntou Bermello.
Novas mobilizacións
No decurso da protesta, Bermello anunciou que, de non producirse ningún avance nos próximos días, a CIG-Ensino non descarta levar a cabo novas mobilizacións e mesmo comezar o curso con accións máis contundentes. “Tal e como está a acontecer co rebrote da Mariña que, xa que agora non pode descansar no goberno central, Feijóo está descargando a súa responsabilidade nos concellos, todo parece indicar que intención da Xunta é que no comezo de curso sexan os equipos directivos e o profesorado quen teñan que asumir todas as medidas preventivas. E de ningunha maneira imos consentir que se poña en risco a nosa saúde por neglixencia do goberno", aseverou.
Aínda agardando a que este domingo se produza un cambio político, dee non ser así, a CIG-Ensino animou a todo o colectivo docente a estar alerta e a esixir as medidas preventivas e de ordenación académica que preveñan os contaxios nas aulas. "O ensino foi o gran esquecido desta pandemia e a administración está acostumada a que sexa o persoal docente o que lle quite as castañas do lume pero cando se trata da saúde precisamos que se poñan enriba da mesa protocolos específicos, avaliacións de riscos, dispensas para os colectivos vulnerábeis, medidas sanitarias e educativas…”, sentenciou.