CIG-Ensino emenda á totalidade a proposta de Educación porque nin recupera horarios, nin reduce a burocracia
A CIG-Ensino demandou esta mañá, en solitario, a retirada do documento presentado pola consellaría de Educación na mesa sectorial e solicitou ao resto de organizacións sindicais responsabilidade e firmeza á hora de defender as demandas do profesorado logo de estas entrara debater o articulado. O seu secretario nacional, Suso Bermello, rexeitou ademais as formas e o fondo e negouse a debater ningún texto que non incorpore a recuperación do horario lectivo. Fronte a isto, a Consellaría limitouse a emprazar a unha nova negociación este mércores, sen avanzar se incorporará cuestións que supoñan melloras reais das condicións de traballo do profesorado.
Despois da emenda á totalidade formulada pola CIG-Ensino, pedindo a retirada da proposta e a incorporación de medidas concretas para recuperar horarios e eliminar burocracia, alén dunha redución de ratios xeralizada en todas as etapas educativas, o sindicato maioritario lamenta que as demais organizacións entrasen directamente no debate do articulado do texto.
A CIG-Ensino denuncia que se está a reproducir “o mesmo modus operandi da Consellaría que vivimos na farsa negociadora das retribucións docentes de 2018: acelerar unha suposta negociación e procurar pechala canto antes se encontra sindicalismo dócil que estea disposto a asinar”, lembra Bermello.
Por iso, a CIG-Ensino apela á responsabilidade de todos os sindicatos para non ceder a esta “chantaxe” e a manterse firme na defensa dos dereitos do profesorado que durante 14 anos sufriu un empeoramento das condicións de traballo (horarios, ratios, burocracia) e un desprezo constante por parte da administración ao seu labor.
Rueda en campaña electoral
Para Bermello, “esta estratexia da Xunta do PP está claramente condicionada pola campaña preelectoral que Rueda vén de poñer en marcha e na que, unha vez máis, o profesorado é refén dos intereses partidistas do grupo político que sustenta o goberno”. Por iso adiantou que “o sindicato maioritario no ensino público galego non está disposto a ser cómplice doutro engano máis”.
Para a central nacionalista é unha "tomadura de pelo" que “quen perpetrou os maiores recortes no ensino público” presentara un documento no que só se recolla unha baixada de ratios nas etapas de infantil e primaria, que non se materializaría até dentro doutros 10 anos, ignorando o resto de etapas (Educación Especial, ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial). “É un escándalo que se pretenda pasar con ‘pés de lá’ sobre a redución da burocracia sen alternativas concretas e inmediatas e no caso das esmolas retributivas estamos diante dun escenario peor que en 2018 porque neste caso nin sequera se propón que sexa universal para todo o colectivo docente”, conclúe Suso Bermello.
Nova proposta para mércores
Ante a interpelación directa da CI-Ensino aos responsábeis da Consellaría sobre se a nova proposta que traerán á Mesa o mércores incorporaría a recuperación do horario lectivo, non houbo resposta. “Limitáronse a afirmar que coñeceriamos o novo texto na propia Mesa”, explica Bermello.
A CIG-Ensino considera, por iso, “unha falta de respecto” que non se comprometan a enviar a proposta previamente e reitera que isto non deixa de ser a mesma estratexia de sempre da Xunta, dividir a representación sindical, intentar conseguir que alguén lle asine de comparsa unha proposta de mínimos e vender electoralmente este acordo a costas do profesorado.
A CIG-Ensino formulará unha contraproposta ao texto da Consellaría só se o tema da recuperación do horario lectivo se incorpora no novo documento. "Entendemos que deixar de lado por segunda vez esta demanda de redución das sesións lectivas, como se fixo no acordo retributivo de 2018, sería unha burla ao profesorado".