CIG-Ensino e persoal do Junior´s instan á Consellaría a intervir na grave situación que atravesa o centro
Traballadores/as do colexio Juniors compareceron esta mañá en rolda de prensa, acompañados polo responsábel comarcal da CIG-Ensino de Compostela, Rubén F. Monteagudo para manifestar a súa indignación pola situación que padecen. Ademais de continuar a situación de impagos de varios meses nalgúns casos, a maioría do profesorado está cobrando por debaixo da contía salarial que lle correspondería por convenio.
Rubén F. Monteagudo cualificou a situación do Colexio Junior´s en Compostela como “lamentábel”, após pasar nos últimos anos dunha matrícula de 150 alumnos/as a 40; afrontar un ERE e ter as instalacións en pésimo estado. Neste sentido, incidiu en que “os arredor de 20 traballadores/as do centro son as principais vítimas da mala xestión do administrador” e apuntou que, malia estar negociando desde comezos de curso para buscar unha solución ás múltiples irregularidades laborais que se produciron, a situación lonxe de resolverse, nalgúns casos é de “total emerxencia”.
É por iso que unha representación deste persoal compareceu hoxe para que a sociedade coñeza o que está a pasar realmente no centro. “Non aceptamos que se nos trate de mentireiros e de que se tilden as nosas denuncias de falacias”, indicaron.
Salarios adebedados
No caso de tres das traballadoras presentes, a fundación adebédalles entre tres e catro meses de salario. Así mesmo, tamén compareceron outros docentes que deixaron o centro, algún deles despois de moitos anos de vinculación laboral, ante a situación insostíbel nos últimos meses.
Nestes momentos, ademais, a CIG-Ensino ten constancia de que hai tres profesores/as máis que non cobraron o mes de decembro e que o resto están cobrando unha “tarifa plana de 1.200 euros mensuais, o que incumpre claramente o convenio ao conter xa as pagas extras prorrateadas e ao estar moi por debaixo do salario estipulado para as categorías de profesorado de Primaria ou Secundaria”, salientou Rubén F. Monteagudo.
O responsábel sindical volveu relatar polo miúdo como a comezos de curso conviviron no centro docentes con antigüidade, algúns que foran despedidos de palabra e outros que seguiron traballando pero aos que non se lles asignou horario docente, con outras persoas contratadas de novo, pero sen asinar ningún documento.
Inspección de Traballo
Esta situación foille comunicada pola CIG-Ensino á Inspección de Traballo o día 16 de outubro, á vez que se lle informaba de que xa se acumulaban os impagamentos desde o mes de maio no caso do profesorado do antigo claustro, así como de que algúns dos novos contratados/as non foran dados/as de alta na Seguridade Social, outros non recibiran o contrato nin as nóminas, nin cobraran no prazo estipulado polo convenio de aplicación nin a cantidade que lles correspondía.
Esta situación levou a que 4 docentes deixaron o seu posto de traballo durante os meses de outubro e novembro. Tras a denuncia e a presión realizada pola CIG-Ensino, o administrador do Junior´s levou a cabo un ingreso de 1.200 euros por traballador/a, “como se se tratase dunha tarifa plana, sen aterse ao convenio do sector”. En xaneiro cesaron máis traballadores, algún deles levaba sen cobrar desde novembro.
Sen saldar as débedas anteriores
Nestes intres, os docentes que seguen en activo cobran eses 1.200 euros, aínda que continúan sen saldarse todas as débedas anteriores. “Despois das nosas múltiples denuncias públicas, o administrador deulles os contratos a asinar aos traballadores que comezaron este curso o pasado martes 22 de xaneiro”.
Ademais, segundo relatou Rubén F. Monteagudo hai dúas casuísticas máis, a dunha traballadora da limpeza á que se lle aplicou de xeito totalmente irregular a cláusula de descolgue salarial, e a doutra traballadora, subrogada por empresas que prestaban servizos ao Junior´s, que desde que volveu do seu permiso por maternidade en decembro non ten asignado nin posto de traballo nin funcións na empresa. Ademais, neste último caso, non lle consta estar dada de alta na Seguridade Social aínda que acode todos os días a cumprir o seu horario sen realizar ningunha función efectiva.
Caos e irregularidades
Á vista deste caos e das continuas irregularidades, a CIG-Ensino presentará unha nova denuncia diante da Inspección de Traballo despois de que a anterior se resolvera unicamente cunha carta na que se informaba de que lle fora aberto un expediente ao administrador por non comparecer nin achegar a documentación que se lle pedía pero sen aclarar que medidas efectivas se ían adoptar ao respecto.
Así pois, tanto os traballadores presentes como o resto dos que non puideron asistir á comparecencia pero teñen o seu caso nas mans da asesoría xurídica do sindicato, como o propio Rubén F. Monteagudo instaron á Consellaría a tomar cartas no asunto e a facer a función de control que lle corresponde ante o despropósito no que se converteu o funcionamento deste centro.
Así as cousas, Monteagudo considera que “é imposíbel que a administración non sexa coñecedora desta situación e non podemos máis que preguntármonos se a inspección educativa visitou durante os últimos dous anos este centro, se solicitou as programacións, memorias de departamento e resto de documentación ao equipo directivo ou se é consciente do deterioro que sofren as súas instalacións”. “Porque de ser coñecedora de toda esta situación ten que actuar de inmediato para non ser cómplice da xestión do administrador desta empresa”, sentenciou.