CIG-Ensino e o resto de sindicatos retíranse da Mesa Sectorial en rexeitamento ao protocolo da Covid19 para o próximo curso
A CIG-Ensino xunto coas outras tres organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Educación abandonaron, nada máis comezar, a reunión para debater o Protocolo elaborado pola Consellaría para o vindeiro curso escolar por “levar a incerteza e o desamparo ao persoal dos centros educativos e ao alumnado”. A decisión é consecuencia da negativa da Consellaría a retirar o documento e a abrir unha negociación que dea resposta ás demandas de presencialidade con seguridade que reclama o profesorado.
Critican que a Administración "tivera oculto nun caixón un documento, alleo á realidade das aulas e con contradicións ao respecto das recomendacións das autoridades sanitarias, para non alarmar a comunidade educativa antes da cita electoral do pasado domingo".
Ademais da desprotección e da posta en risco da seguridade e da saúde de alumnado e do profesorado, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, rexeita as intencións da Consellaría de descargar toda a responsabilidade de elaboración de plans de adaptación por centros, compra e xestión do material de prevención, organización da vixilancia do cumprimento das medidas tanto na actividade lectiva como nas actividades complementarias ou desinfección do material empregado, entre outras tarefas, maiormente nos equipos directivos e no persoal docente e non docente.
Unha responsabilidade que, ademais, se lles quere impor sen incrementar o número de efectivos nin reducir as ratios de alumnado por aula. "Isto demostra a perspectiva economicista e ultraliberal do goberno do PP de que a educación é un gasto, nunca un investimento, e que descarta destinar os fondos que o Ministerio vai repartir entre as CCAA para sufragar os gastos para facer fronte á pandemia ao ámbito educativo", advertiu Bermello.
Comparecencia conxunta e chamada á mobilización
Diante disto, este venres as organizacións sindicais comparecerán en rolda de prensa para explicar polo miúdo o rexeitamento a este protocolo, "que é unha falta de respecto absoluta para toda a comunidade educativa", e na que farán un chamamento a presionar a administración para que rectifique e poña na mesa máis medios materiais e humanos para facer fronte aos retos que supón a volta ás aulas no marco dunha pandemia mundial de máis de 30.000 docentes e máis de 280.000 alumnos e alumnas distribuídos en preto de 1.200 centros educativos en toda Galiza.