CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS rexeitan os recortes de profesorado e desdobres en secundaria
CIG-Ensino e ANPAS Galegas concentráronse esta mañá diante da consellaría de Educación para denunciar os recortes de profesorado, os desdobres en secundaria e en demanda de que a consellaría mude as súas políticas.
Así o manifestou no decurso da mobilización o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, quen lembrou que, neste curso, o número provisional de perda de postos de traballo en secundaria e ensinanzas de réxime especial é de 584 docentes. Xunto a isto informou de que nos últimos días aumentan as alertas de profesorado e alumnado que remiten ao sindicato denuncias con novos ataques ao ensino público, pola imposibilidade de cursar certas materias ao ter unha matrícula inferior a 5 alumnos e alumnas.
Ausencia de transparencia para ocultar os recortes de profesorado
Neste sentido, a CIG-Ensino denuncia a falta de información sobre as cifras de profesorado en activo neste comezo de curso escolar, tanto funcionariado de carreira como interino. Por iso Suso Bermello exixiu que “a administración educativa proporcione publicamente as cifras totais de docentes con nomeamento en vigor no comezo de curso, tanto en infantil e primaria como nas diferentes ensinanzas de secundaria”.
Ademais denunciou que “a adxudicación de destinos provisionais de secundaria e ensinanzas de réxime especial é de 584 docentes menos que no curso anterior”. Unha cifra de redución de profesorado que é aínda maior tendo en conta as xubilacións e as prazas non cubertas, xa que “hai prazas de xubilacións que se amortizaron e non se adxudicaron” asegurou.
Os recortes dificultan o proceso de aprendizaxe, empeoran o traballo do profesorado e reducen a oferta dos centros
Os recortes no número de docentes implican nalgúns centros a redución ou mesmo a desaparición da oferta de ensino secundario para persoas adultas (ESA), chegando nalgunha comarca, como é o caso de Chantada, a deixar a toda a comarca sen esta oferta. A maior parte dos centros de secundaria, como acontece en primaria, vense afectados pola incapacidade de facer desdobres, non só de grupos completos senón tamén de materias concretas, especialmente en 1º e 2º da ESO.
Unha situación que, segundo Bermello, imposibilita manter os apoios para a atención educativa. A realidade máis habitual na información trasladada polos centros á CIG-Ensino implica a ampliación de impartición de afíns xa que, ao reducir docentes, o que antes eran prazas a tempo completo agora se converten en impartición dunha ou dúas materias máis.
Noutros casos, advertiu, “vai ser imposíbel manter grupos de PMAR (programas de mellora e reforzo de aprendizaxe) ou CUALE para a formación complementaria en linguas estranxeiras ou mesmo poder participar en programas ofertados pola Consellaría, o que provoca unha auténtica contradición: centros que non van poder deseñar actividades auspiciadas pola Consellaría porque a propia administración o impide cos recortes de persoal”.
As materias con menos de cinco alumnos e alumnas non se impartirían neste curso
Xunto a isto Suso Bermello insistiu en que o rural volve a sufrir un novo recorte. “A consellaría viña permitindo en determinados casos que, se existía profesorado no centro con dispoñibilidade horaria, se puidesen ofertar esas materias.
Informou ademais de que neste curso, a Inspección educativa está comunicando aos IES de zonas rurais que non se van facer excepcións. “Isto provoca unha clara discriminación para o alumnado que se ve obrigado a coller outras materias nas que non ten interese ou a se matricular das da súa modalidade a distancia”, engadiu.
Por iso a CIG-Ensino demanda da consellaría que rectifique a súa decisión e autorice nos IES dos concellos rurais a cursar as materias troncais con independencia do número de alumnado matriculado e do profesorado do centro, cubrindo todas as necesidades, xa que o carácter xeral das instrucións non se debe ter en conta en centros do rural.
A este respecto Bermello incidiu en que se poidan “cursar as materias específicas con menos de cinco alumnos e alumnas se hai profesorado suficiente no centro e recorrer ao ensino a distancia só se é solicitado voluntariamente polo alumnado afectado”.
Sen datos sobre os efectos da pandemia nos centros escolares
CIG-Ensino e ANPAS GALEGAS foron moi críticos coa opacidade da Consellaría dado que un ano despois das evidencias dos efectos da pandemia nos centros escolares “non temos ningún tipo de estudo sobre os seus efectos: por grupos de idade, por sectores profesionais, por zonas xeográficas, por tipoloxía de centros”. Este escurantismo esténdese tamén, segundo o secretario nacional da CIG-Ensino, ao ámbito orzamentario xa que neste momento non existe información detallada sobre en que se gastaron os cartos que desde o Goberno estatal se destinaron ao ámbito educativo do curso 2020/21.
Denunciar e reclamar, colectiva ou individualmente
A CIG-Ensino animou a todos os sectores afectados a denunciar todos e cada un dos recortes, trabas e impedimentos que a administración provoca. Ben sexa individualmente (casos de profesorado que supera as 20 horas lectivas en secundaria, familias e alumnado que non poden cursar determinadas optativas ou a quen non se lle autorizan agrupamentos de reforzo ou apoio educativo etc) como colectivamente (resolucións de claustros, comunicados ou ceses das direccións). Neste sentido, como sempre, terán todo o respaldo do sindicato.
“É imprescindibel que a comunidade educativa reaccione ante os criterios adoptados pola Xunta, nin científicos nin sanitarios, obviando a aínda moi elevada incidencia da pandemia, nomeadamente no sector máis novo da sociedade”, afirmou Bermello.
Ademais as entidades convocantes fixeron especial fincapé en que as medidas adoptadas pola Administración ante o inminente comezo de curso “fundaméntanse en criterios económicos e nunha concepción ultraliberal xa que unha redución de profesorado supón un suculento aforro que, por outro lado, carrexará un inexorable detrimento da calidade do ensino”.