CIG-Ensino denuncia “terror laboral” en Amicos con 15 despedimentos e baixas voluntarias desde xuño

A xustiza declara improcedente o despedimento disciplinario dun traballador, afiliado da CIG, acusado de neglixencia ao que terá que readmitir ou indemnizar
Compostela - 09 Dec 2024

A CIG-Ensino denuncia a intensificación da situación de “terror laboral” que se vive na empresa Amicos, con 4 despedimentos, sen previo aviso, e 11 baixas voluntarias, precedidas nalgúns casos por situacións de incapacidades temporais vinculadas a situacións de estrés e ansiedade desde o mes de xuño.

Proseguen, polo tanto, as “irregularidades e a persecución a traballadores e traballadoras, especialmente a quen reclaman que se cumpran os seus dereitos”, explica o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén Monteagudo. Unha denuncia que coincide coa publicación da sentenza do Xulgado do Social número 4 de Santiago de Compostela na que se condena a Amicos a readmitir ou indemnizar a un traballador cesado por cuestións disciplinarias e que ditamina que se tratou dun despedimento improcedente. 

A empresa Amicos continúa coa súa política baseada en despedimentos daquelas persoas que reclaman que se cumpran os dereitos laborais, como é o caso do afiliado da CIG, A.T.G., acusándoas de neglixencia ou aplicándolles medidas disciplinarias. Cómpre salientar que na práctica totalidade dos casos ou ben o persoal lle gaña o xuízo, como acaba de sentenciar o pasado 19 de setembro o Xulgado número 4 do Social de Santiago, ou ben se producen previamente acordos no SMAC nos que a empresa admite que se trata de despedimentos improcedentes e abona a compensación económica que corresponde.

Con todo, nos últimos meses intensificouse esta actitude por parte da xerencia, chegando a producirse 5 despedimentos desde o mes de xuño, todos eles sen previo aviso, e nos que se produciron de novo irregularidades que teñen que ver co pagamento dos finiquitos e outros atrancos á hora de poñer fin á relación laboral.

Alén disto, o ambiente laboral segue sendo “irrespirable” na empresa con até 11 persoas que neste mesmo período de tempo decidiron abandonala voluntariamente, na maior parte dos casos despois de causar baixa médica por cuestións de saúde mental relacionadas coa súa situación laboral. Neste sentido, cómpre lembrar, tal e como xa informara a CIG-Ensino, que a Inspección de Traballo abriu expedientes sancionadores contra esta entidade o pasado mes de maio.

Medidas a adoptar

Ante esta situación, a CIG-Ensino ten previsto celebrar unha asemblea aberta a todas as persoas traballadoras para decidir que mobilizacións se van levar a cabo, así como remitir unha carta dirixida a todos os alcaldes e alcaldesas da comarca para que coñezan realmente o modo de proceder da xerencia desta asociación. Unha realidade, en palabras de  Monteagudo, que se resume como de “persecución ao conxunto do persoal e, nomeadamente, das e dos afiliados e representantes de persoal da CIG, sexa por medio de modificacións inxustas das súas condicións laborais, sancións ou despedimentos inxustificados”.

A CIG-Ensino denunciou en reiteradas ocasións publicamente estas circunstancias pero, dada a gravidade dos feitos, levaraas de xeito inmediato de novo ante a Inspección de Traballo para que actúe. “Está en xogo tanto o respecto ás condicións laborais e á convivencia no centro como a propia atención ás persoas usuarias que, malia a precariedade existente, se produce sempre coa mellor garantía de calidade posíbel por parte das traballadoras e traballadores desta asociación”, indicou.

Monteagudo amosa a súa indignación ante estes feitos e lembra que o despedimento deste traballador, que agora vén de gañar o xuízo contra a empresa, só é un capítulo máis dunha longa historia de mala praxe e irregularidades dentro dun ambiente de “asfixia laboral, no que a toma de decisións unilaterais e sen comunicación previa, a  intimidación, o medo e as coaccións son o día a día, ademais dos ceses, dos que nunca se dá o preaviso legal pertinente, unha práctica estendida en Amicos”, de quen lamenta a falta de diálogo coa organización sindical e co comité de empresa.

Cómpre lembrar que a CIG foi o sindicato máis votado nas eleccións sindicais do pasado mes de marzo entre o persoal de Amicos, malia as claras manobras da empresa para impedilo e intentar conseguir unha maioría claramente favorable á xestión e á dirección no comité, algo que finalmente conseguiron de forma que este non representa a maioría de traballadoras/es da empresa.

O nivel de presión por parte de Amicos que sufriron durante este tempo varias das persoas que conformaron a candidatura da CIG obrigounas a marchar deixando por escrito as graves irregularidades que viñan padecendo, mais aínda así a empresa non cesa no seu papel de asañamento con calquera que minimamente reclame dereitos laborais básicos.