CIG-Ensino denuncia que o incremento duns 650 postos en secundaria non cobre as necesidades dos IES
Os bandazos da Consellaría de Educación desde finais do mes de agosto, tanto do anterior equipo como do actual, marcaron os acontecementos deste inédito comezo de curso escolar. A administración comezou negando primeiro o distanciamento de 1.5 metros en todas as etapas educativas para posteriormente, logo da convocatoria de folga e do comezo de mobilizacións, aceptar esa distancia física só na ESO, Bacharelato e FP. Así o denuncia a CIG-Ensino que considera que “o logro conseguido pola presión social implica un incremento duns 650 postos de traballo en secundaria, quedando lonxe de cubrir todas as necesidades dos IES e desprezando a profesorado e alumnado de Infantil e Primaria”.
O novo equipo da Consellaría buscou tirar abaixo esa medida que implicaba un importante incremento de persoal docente, o que provocou redobrar a conflitividade coa convocatoria de concentracións en 25 localidades do país por parte da CIG-Ensino, os demais sindicatos convocantes da folga (CCOO, STEG e CSIF) e co apoio das federacións de ANPAs de centros públicos. A alta participacións, superior a 5.000 persoas, foi boa mostra do sentir do persoal dos centros e das familias. Neste momento foi importante tamén o papel desempeñado polos equipos directivos que se plantaron diante da actuación da Consellaría nese último bandazo.
Non podemos deixar de lado que a situación creada co incremento de postos de traballo e, sobre todo, coa mellora nas condicións nas que imos desenvolver a nosa función docente en secundaria e outras etapas educativas, é considerabelmente mellor do que a Consellaría tiña previsto na súa cerrazón e inmobilismo, como se puido apreciar nun comunicado do 21 de agosto no que se cifraba en arredor de 200 postos o incremento previsto para afrontar a COVID.
Finalmente, o incremento de persoal docente para afrontar a COVID chegou, segundo información da propia Xunta a 847 postos, o que implica que a presión social fixo triplicar os efectivos docentes para este curso. Porén, esta cifra é insuficiente desde varios puntos de vista:
- Discrimina absolutamente aos centros de Infantil e Primaria, nos que a farsa das “aulas burbulla” vai manter ratios de 25 alumnos e alumnas por aula sen ter en conta a distancia, en contra do criterio xeral de secundaria, onde o 1,5m será a pauta e outras medidas, totalmente rexeitábeis como o uso de anteparos, a excepción. Unha aula de 5º ou 6º de EP vai estar en peores condicións que unha de 1º ou 2º da ESO se en ambos casos parten de ratios máximas.
- O incremento de persoal docente para IES e outros centros faise dun xeito arbitrario, cunha tendencia a denegar desdobres en Bacharelato e ciclos de FP en centros nos que as direccións fixeron constar na petición de docentes que contaban con espazo para os desdobres.
- O recurso a anteparos non pode ser aceptado nas aulas, tanto sexan ordinarias pola alta densidade de alumnado e os maiores problemas de ventilación, o que contravén as normas máis elementais de prevención, como se son específicas, no que o constante cambio de alumnado con máis superficies para limpar supón un incremento do risco.
- A obriga da semipresencialidade non vén acompañada dun plan de actuación que garanta a conectividade, tanto para docentes como para alumnado. Non deben ser os centros os que se teñan que “apañar” cubrindo as carencias dunha administración que toma decisións condicionadas pola restrición no “gasto” sen ter xa lista a alternativa.
- Os problemas de xestión para contratación de persoal pode poñer en risco un correcto desenvolvemento do curso. Neste comezo de curso en secundaria, con 180 prazas sen adxudicar, unido aos chamamentos habituais para substitucións de cada comezo de curso que, sen dúbida, se incrementarán polo efecto de contaxios e corentenas COVID, xa veremos os primeiros efectos de insuficiente persoal nos centros.
- A Consellaría abandonou ao profesorado que forma parte de grupos vulnerábeis. Primeiro coa obriga de se incorporar a traballar á espera dun informe do servizo de prevención, despois coa indefensión que provocou a desaparición do procedemento de petición de avaliación do risco na versión do protocolo do 31 de agosto en vigor, tal e como xa denunciou a CIG-Ensino.
- A responsabilidade segue diferida aos equipos COVID sen unha formación inicial merecente de tal nome e os recursos para os centros son insuficientes, o que tamén denunciou o sindicato en varias ocasións. Mentres esta situación se mantén a Consellaría aínda non atendeu a día de hoxe o noso requirimento dunha total transparencia na xestión de contaxios nos centros. É positivo que os medios de comunicación informen mais a fonte, a información da Xunta, debe ser pública na páxina da Consellaría de Educación. Os criterios de actuación deben ser, como reclama o sindicato, públicos e claros, evitando confusión e actuacións contraditorias.
- Estamos diante dun risco elevado de confinamento pedagóxico. Todas as proclamas de finais de curso centradas na importancia de adaptar a realidade educativa do novo curso ás carencias detectadas no confinamento quedaron en palabras ocas. E aulas con moito alumnado, con interrupcións constantes por contaxios ou confinamentos sen a debida atención domiciliaria, a situación non só non se vai reconducir senón que se agravará, provocando novos problemas e descolgues no proceso de ensino aprendizaxe, nos que o alumnado con necesidades especiais e de apoio específico será de novo o principal prexudicado.
- A protección da nosa saúde parece de novo secundaria para a Consellaría, tanto polas dúbidas que provocan as máscaras proporcionadas pola Consellaría, cando pola ausencia de EPI especiais para determinado profesorado, como vén de reclamar a CIG-Ensino.
- Non se pode limpar nin desinfectar sen máis persoal. A negativa da Xunta de incrementar o persoal de limpeza implica tamén unha desidia e un risco absolutamente inadmisíbel. Hai moitos concellos que non poden asumir cos seus propios fondos unha obriga que nin tan sequera a propia Xunta cumpre.
Todo isto fai necesario manter a xornada de folga do día 23, malia os servizos “máximos” decretados pola Consellaría. Por dignidade e porque non podemos aceptar que os logros conseguidos oculten o que aínda non falta por conseguir. Manteñamos a loita por unhas aulas seguras e unha #EscolaContraCovid.