CIG-Ensino denuncia que Educación ofrece un incremento de só o 50% da cantidade pactada en 2006
Tras catro reunións hoxe volveuse producir unha “escenificación” de diversos intereses empezando polo tacticismo da propia Xunta e continuando polos intereses electorais dos outros sindicatos. Desde o punto de vista da CIG-Ensino “é inadmisíbel que doce anos despois do acordo de 2006 e tras unha crise gravísima cos recortes máis virulentos, a Consellaría ofreza o 50% da cantidade pactada ese ano”.
A marcha das negociacións para a suposta “equiparación” salarial do profesorado galego confirma todas as afirmacións que fixo a CIG-Ensino desde o seu comezo. Tras a cuarta reunión celebrada hoxe quedou de manifesto que estamos ante unha escenificación na que cada parte evidencia os seus intereses, empezando polos da propia Consellaría e continuando polas estratexias electorais das outras organizacións sindicais. Neste sentido, os responsábeis da administración amosáronse satisfeitos cos movementos feitos polos outros sindicatos, “o que supón un agradecemento a que estean permanentemente asumindo as rebaixas que lles propoñen”.
O baile dos 5 euros
Nas intervencións da administración fíxose unha suba de cinco euros en dúas quendas, que se corresponde coa mesma rebaixa de cinco en cinco que fixeron as outras centrais, preocupadas sobre todo polo calendario de aplicación. A administración, tras catro reunións, segue enrocada e pechada en banda a todo o que non sexan postos de ranking, e as outras organizacións entraron no xogo do regateo escenificándose o baile dos 5 euros arriba e abaixo.
A CIG-Ensino mantivo a súa proposta dunha suba lineal de 150 euros mensuais e que as negociacións se abran ás principais cuestións que lle preocupan ao profesorado, a recuperación dos nosos dereitos, fixando un calendario de negociación e incluíndo tamén a devolución do que nos roubaron nestes anos de recortes. En canto á proposta da Consellaría, unha suba de 75 euros mensuais a pagar segundo a distribución que se pode ver na táboa anexa, a CIG-Ensino considera “lamentábel que a oferta da administración sexa a metade do que se asinou no acordo de 2006, tendo en conta que pasaron doce anos e polo medio sufrimos unha das crises económicas máis graves da nosa historia recente”, apuntou Suso Bermello, secretario nacional desta organización.
O profesorado, protagonista da negociación
Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse antes da reunión para reclamar que se teñan en conta todos os dereitos laborais e salariais do colectivo docente galego nesta negociación. “O que quedou claro até o de agora, e se confirmou hoxe, é que o profesorado non está sendo o centro desta negociación, de aí que desde o comezo buscaramos poñer enriba da mesa as nosas condicións de traballo: xornada lectiva, rateos de alumnado por aula, carga burocrática, xestión democrática dos centros, transparencia nas vacantes, regulamentación das afíns, estabilidade para o persoal interino… “Estas cuestións, xunto con temas económicos e salariais, como a eliminación dos descontos por enfermar, a recuperación do roubado nas pagas extras de 2013 a 2016 e unhas retribucións dignas responden ao mandato que nos deu o profesorado”, indicou Bermello. Desde o primeiro momento intentamos centrar o debate arredor do profesorado, algo que foi imposible polas imposicións da administración coa conivencia das outras organizacións sindicais.
DATA DE EFECTIVIDADE |
INCREMENTO MENSUAL |
INCREMENTO ANUAL |
01.10.2018 |
10 € |
40 € |
01.01.2019 |
15 € |
210 € |
01.01.2020 |
25 € |
350 € |
01.01.2021 |
25 € |
350 € |
TOTAL |
75 € |
1.050 € |