CIG-Ensino denuncia o uso “partidario e propagandista” de Román Rodríguez do Consello Escolar de Galiza
A CIG-Ensino aproveitou este mércores unha das escasas interlocucións directas que tivo co conselleiro de Educación para acusalo de “xogar intencionadamente co profesorado galego con claros fins partidistas e electoralistas”. Fíxoo durante a convocatoria do pleno do Consello Escolar de Galiza, o principal órgano de participación de toda a comunidade educativa galega, “que só se reúne cando lle interesa á Consellaría e que nesta ocasión se fixo, ademais, incumprindo o seu regulamento, dado que se ten que convocar con 15 días de antelación e fíxose só con 7.
O motivo das présas por facer esta reunión, segundo a CIG-Ensino, “é claramente vendernos cifras e propaganda que choca coa realidade que se está vivir nos centros, con profesorado absolutamente sobrecargado de traballo e con recortes de persoal e de recursos en todas as etapas educativas”, indicou na súa intervención o secretario nacional do sindicato nacionalista, Suso Bermello.
O adiamento da negociación como estratexia para que non se leve a cabo
Neste sentido, Bermello lembroulle ao conselleiro que a demanda de recuperar o horario que tiña o profesorado galego coa chegada do PP á Xunta non é nova. “Levamos anos reclamándoa. Houbo unha folga en 2019, exclusivamente por este tema, e estivo presente en todas as Mesas sectoriais de negociación, incluído durante a pandemia, polo que é un insulto que lle pida tranquilidade ao profesorado galego e á súa representación sindical cando os mestres e mestras de Galiza pasaron de 21 a 25 sesións lectivas en 2010 e o persoal de secundaria e doutras ensinanzas de 18 a 20 sesións lectivas en 2012”.
Bermello indicou tamén que a esta petición de tranquilidade, o profesorado o que responde é “que está farto”, como se puido ver nas diferentes mobilizacións sobre todo durante os últimos dous cursos: “farto da burocracia sen fin; de que non se permitan desdobres tan necesarios tanto nas etapas de primaria como de secundaria, e que eran habituais antes dos recortes do PP; de ter que atender cada vez a un maior número de alumnado, que supera os 200 por docente en moitos casos; de aulas masificadas nalgúns ámbitos urbanos e periurbanos e con moita diversidade e cuestións graves tanto de convivencia como de benestar emocional do alumnado; de impartir materias das que non é especialista; de itinerar entre centros; de non recuperar o dereito a cobrar o verán no caso do persoal substituto...”
“Polo tanto” -incidiu Bermello- “toda esa propaganda de cifras que nos trae hoxe aquí e que, por certo, se contradí coas que oficialmente despois a Consellaría dá, unha vez rematadas as contratacións de persoal interino a data 1 de outubro, son mera estratexia electoral e gañar tempo enleando con promesas de negociacións que non acabarán chegando en función da data na que se celebren as eleccións galegas”.
Neste sentido, demandou que, se o que quere é dar resposta ás demandas do sistema educativo galego, se comprometera “aquí e agora” a entregarlle unha proposta aos sindicatos, neste mes de setembro, de “recuperación dos dereitos arrebatados hai máis dunha década, para non seguirmos á cola do estado neste eido”, e confirmara que na elaboración dos Orzamentos da Xunta para 2024 “se vai incluír a partida que a súa Consellaría estime que sexa necesaria no capítulo I de gastos de persoal para que durante os vindeiros catro meses do curso 24/25 se volva ao horario das 18 e 21 horas”.
Ante esta interpelación directa o conselleiro fixo o que habitualmente se lle dá mellor, que é dar a calada por resposta e volver á propaganda sobre as bondades da política educativa do seu goberno e dos bos resultados académicos do alumnado galego. “Un mérito desde logo atribuíbel exclusivamente ao esforzo do persoal docente que con moito voluntarismo e dedicación foi o que salvou o ensino público durante a pandemia, dunha forma extremadamente digna e nunca suficientemente recoñecida, e que segue a ser o verdadeiro artífice da calidade da atención ao alumnado galego”, apostilou Bermello.
Para a CIG-Ensino queda claro que a negativa a dar unha data para iniciar as negociacións é unha estratexia política do PP para adiar este tema até que pasen as eleccións galegas e “deixar morrer o conto” se volve gobernar, é dicir, trátase de pechar pola vía dos feitos esta negociación. Unha estratexia que lle advertiu o sindicato maioritario no ensino público galego “terá unha resposta contundente por parte do profesorado, que merece respecto e recuperar nin máis nin menos que as condicións laborais que tiña no seu día e que eran infinitamente mellores que as de hoxe”.
Manipulación das cifras de profesorado
O representante da CIG-Ensino aproveitou tamén a súa intervención para desmontarlle os datos que presentou o conselleiro dicindo que hai varias contradicións con respecto ás cifras oficiais que o seu departamento dá nos últimos anos con data 1 de outubro, é dicir, cando a Consellaría considera que remata a contratación do persoal interino para a totalidade do curso académico e que sempre son inferiores ás anunciadas aos medios en setembro.
“Así pois -insistiu Bermello- temémonos que os datos que hoxe e estes días está vendendo de máis de 31.000 docentes non se correspondan coa realidade. Ademais de que hai unha trampa neles, que é contar o persoal de reforzo contratado puntualmente con fondos europeos externos só ata finais de xuño como se pertencese ao cadro de profesorado da Consellaría”.
E non só iso, senón que, como denunciou a CIG-Ensino o pasado curso, “o seu departamento está financiando con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia destinados a novas contratacións parte do salario do persoal xa fixo da Consellaría, como é o caso de mestras e mestres de PT e AL e de profesorado de FP. E o que non pode negar, porque aí están os orzamentos da Xunta de Galiza publicados cada ano no DOG é que na última década o número de docentes de infantil e primaria descendeu un 10%, polo que non é certo que nestas etapas se manteña estábel a cifra de mestres e mestras”.
Por último, ao respecto do anuncio esta mañá no Parlamento do presidente Rueda da oferta de emprego para o vindeiro ano, desde a CIG-Ensino fíxose constar no CEG que é necesaria unha ampla convocatoria de oposicións que permitan realmente incrementar os cadros de persoal docente, superando as limitacións dos pactos do Goberno central cos sindicatos estatais.