CIG-Ensino denuncia o peche de dous centros educativos completos na provincia da Coruña
A CIG-Ensino denuncia que, “con absoluto escurantismo e ocultación de información ao profesorado afectado e ás familias dos centros”, a Consellaría de Educación vén de impor o peche de dous centros na provincia da Coruña: o CEIP Emilio Navasqüés en Cruceiro de Ro, Outes, e o CPI Monte Caxado de As Pontes. Ao tempo, elimina a oferta educativa da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e suprime dez postos docentes no IES de Celanova. Unha comunicación que fixo na véspera do remate do curso escolar.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello denuncia que “o desprezo dos máximos dirixentes da Consellaría” leva a que, unha vez rematado o prazo de matriculación para o curso 2017/18, e a só unhas horas de que o alumnado marche de vacacións, se pechen dous centros docentes que non tiñan nin a máis mínima información sobre tal posibilidade.
Explica que o CPI Monte Caxado, é un centro que conta actualmente con 195 alumnos de Infantil e Primaria e con 67 da ESO. “Segundo a información que puidemos recabar neste momento, por suposto non por parte da consellaría, a intención da Educación é trasladar o alumnado a dous centros próximos, que se van saturar: o CEIP A Magdalena e o IES Moncho Valcarce”. Matiza ademais que este último centro tamén recibiría o alumnado de Bacharelato do IES Castro da Uz agravando a masificación.
No caso de Outes, o peche do centro de Cruceiro de Ro supón a eliminación da oferta educativa naquela localidade e o traslado de todo o alumnado ao CEIP da Serra de Outes, afectando a un total de 72 alumnos matriculados para o curso que vén.
En Ribadavia, a Consellaría comunicou o traslado da ESO ao IES do Ribeiro, o que vai provocar a súa masificación porque quedaría como único centro de secundaria no Concello.
Por último, está prevista unha redución de 10 postos de traballo no IES de Celanova. “Isto mermará”, segundo o secretario nacional da CIG-Ensino, “a calidade educativa no centro, impedirá desdobres, diversificación, atención ao alumnado, impedirá que a comarca conte cun centro que poida ser referencia nas diferentes ofertas educativas obrigatorias e postobrigatorias”.
Subvencións ao ensino concertado
Bermello salienta que na vila hai un centro concertado que imparte as ensinanzas da ESO e que seguirá recibindo subvencións da Consellaría para manter, no centro privado, a oferta formativa a costa de desmantelar o ensino público.
“O único argumento real que hai detrás de todos estes peches e supresións é a política de desgaste do ensino público practicada polo goberno Feijóo e que agora escribe un novo capítulo, reducindo aulas e centros e eliminando profesorado. E todo coincidindo no tempo cun incremento constante, ano tras ano, das aulas concertadas en Galiza”, denuncia.
Para a CIG-Ensino isto responde á “visión mercantilista e profundamente neoliberal, revestida do autoritarismo que tan ben caracteriza ao PP”. Visión que leva a que “centos de familias se vexan a estas alturas de curso cunha medida tan irracional como esta e que as leva a ter que cambiar de centro, ás veces con distancias considerábeis e con cambios importantes de horario como no caso de Outes”
Sen negociación, nin información previa
Suso Bermello afirma que estes cambios non foron previamente negociados cos representantes sindicais e deixan sen marxe de manobra ás familias, co período de matrícula pechado desde hai tempo. “A Consellaría prosegue, por tanto, cunha política de recortes que en materia de persoal implica o despedimento de profesorado interino, que se reducirá a oferta para profesorado provisional e que docentes con destino definitivos serán desprazados do seu posto de traballo”.
Para o secretario nacional da CIG-Ensino é “impresentábel” que hai dous días houbese unha reunión da Xunta de Persoal Docente de Ourense coa Xefatura Territorial e esta non dixese absolutamente nada ao respecto.
No caso da Coruña, a reunión prevista coa Xunta de Persoal co Xefe Territorial suspendeuse no último momento. “É unha mostra do desleixo polo profesorado e usuarios dos centros públicos”.
A CIG-Ensino anuncia que se pon a disposición das comunidades educativas afectadas e que iniciará as mobilizacións precisas para reverter este ataque ao ensino público. Xunto a isto insta á Xunta de Galiza a que dea marcha atrás “nesta imposición de peches e traslados de ensinanzas e que non incida na súa política de recortes e deterioro do ensino público galego”. Do contrario, advirte que “todo apunta a un final de curso e inicio do próximo altamente conflitivo”.