CIG-Ensino denuncia o borrado de materiais didácticos de Matemáticas en galego da web da Consellaría
Cando se cumpren 13 anos da publicación do decreto para a redución da presenza e proscrición do emprego do galego en materias do ámbito científico tecnolóxico, eufemisticamente denominado “de plurilingüísmo”, a principal ferramenta empregada polo goberno da Xunta contra o uso e difusión da nosa lingua no ámbito educativo, a Consellaría de Educación dá un paso máis e decide eliminar 169 unidades didácticas por estaren escritas en galego.
Con esta decisión de censura e persecución lingüística, o goberno galego confirma unha despiadada e enfermiza xenreira contra o noso idioma e un afán de censura impropio dunha institución democrática. Co borrado, a administración educativa limita a liberdade de ducias de docentes galegos que elaboraron e publicaron no repositorio de contidos da propia Consellaría de Educación e lanza unha nova mensaxe: o galego non vale para as matemáticas.
É vergoñento que teñamos que recorrer exclusivamente a iniciativas non dependentes da administración, que debería centrarse na defensa e promoción do galego, para poder acceder a unidades didácticas de matemáticas en galego, como é o caso das 60m unidades aloxadas no proxecto Descartes.
A CIG-Ensino exixe unha rectificación por parte do cargo político que autorizou ese borrado e a restitución de todos eses materiais. O sindicato considera que esta medida sería non só reparadora coa presenza da nosa lingua nun ámbito duramente castigados pola política lingüicida da Xunta, senón tamén co propio traballo realizado polo profesorado. Pódese acceder á listaxe de unidades censuradas nesta ligazón do blogue que difundiu a noticia.
Unha nova medida censora como esta xustifica aínda máis a imperiosa necesidade dun cambio de rumbo na política lingüística da Xunta, cun secretario xeral de política lingüística mudo ante todas as agresións destes últimos anos e cun conselleiro de Educación convertido en vangarda do negacionismo dos efectos do decreto de 2010, cun claro deterioro do papel da nosa lingua no ámbito escolar.
A CIG-Ensino, xunto con outras entidades e organizacións do ámbito educativo e da defensa da lingua ten amosado unha vontade clara para formular propostas que superen a situación de emerxencia lingüística actual e nesa liña seguiremos actuando: acción propositiva e de denuncia de todas as medidas que busquen a relegación do noso idioma así como de defensa de todo o profesorado que, usando a nosa lingua en todos os ámbitos do coñecemento, dentro e fóra das aulas, poñen en valor o noso idioma e apostan polo seu futuro, transmitindo ao alumando a importancia de vivirmos en galego.