CIG-Ensino denuncia a “improvisación” de Educación ante a previsión de nevaradas
A CIG-Ensino considera que a consellaría de Educación actuou “de maneira irresponsábel e non comunicou a súa decisión aos centros escolares con tempo suficiente” diante da alerta de nevaradas dos días 22 e 23 de marzo. Denuncia que algúns centros non tiveron coñecemento de que o alumnado non ía ter transporte escolar a partir das 12.00 horas de hoxe día 22 de marzo e até o 23 de marzo, o que supuxo que moitas familias non coñecesen esta decisión até hoxe cando foron coller o transporte escolar.
A CIG-Ensino vén demandando desde hai tempo que se negocie un protocolo de actuación ante a previsión de diferentes fenómenos meteorolóxicos adversos e que non se traslade a responsabilidade ás dirección dos centros, así como para que a Consellaría deixe de actuar “con lixeireza e improvisación”.
Considera “totalmente inaceptábel” que ante un tema de seguridade para a integridade física, a Consellaría non actúe con coherencia e non asuma as súas responsabilidades para garantir a seguridade de todos os sectores da comunidade escolar. “Non é de recibo que se contemple transporte escolar só de ida e non de volta e que non se suspendan as clases”, afirma.
A CIG-Ensino exixe que a Consellaría se faga responsábel da situación no sentido de que se non se garante o transporte de ida e de volta, debe suspender as clases e, ao mesmo tempo, exixe a negociación do novo protocolo de actuación para casos semellantes para non estar permanentemente ao azar da improvisación e irresponsabilidade da Consellaría.