CIG-Ensino denuncia improvisación e carga burocrática innecesaria na solicitude de datos aos comedores escolares
A CIG-Ensino considera un despropósito o cambio de criterios comunicado pola Consellaría de Educación aos centros en apenas tres días, que se soliciten datos e valoracións nutricionais a persoal que non ten encomendadas esas funcións e que se impoñan ademais uns prazos que dificultan a xestión dos centros.
As xefaturas territoriais da Consellaría de Educación remitiron nestes últimos días varios correos electrónicos a todos os centros docentes con comedor escolar propio dependente deste departamento autonómico así como a aqueles con comedores xestionados por ANPA.
Nun primeiro correo pedíase que se remitise información con control documental de todos os menús de comedores escolares, cafetarías e máquinas expendedoras dos centros educativos, para a participación nun programa de control da cadea alimentaria promovido polo Ministerio de Sanidade. Dábase un prazo de tan só 3 días para enviar esa información.
Posteriormente a Consellaría mudou esas instrucións, cunha solicitude de información moito máis prolixa e introducindo valoracións nutricionais que exceden por completo as funcións que o persoal docente responsábel de comedor ou o propio persoal de cociña teñen asignadas.
CIG-Ensino subliña que esta segunda solicitude, que desbota o traballo daqueles centros que xa a remitiran, non só implica esa asignación de responsabilidades impropias, senón que se volve indicar un prazo (neste caso o día 25 deste mes de maio) que implica unha sobrecarga de traballo que non se pode consentir.
"A Consellaría de Educación non só non move un dedo para reducir a abafante burocracia que impón nos centros educativos senón que acepta un incremento dunha maior carga burocrática sen control do que se pide nin do que implican os prazos sinalados", denuncia a federación do Ensino.
Tendo en conta todo o anterior, a CIG-Ensino solicita:
- A revisión das instrucións enviadas e que tanto a asignación de funcións como a temporalización dos traballos solicitados estean baixo o control da Consellaría de Educación, con independencia da necesaria coordinación desta con Sanidade.
- A delimitación de funcións que lle son propias ao diferente persoal encargado de comedor e de cociña, evitando que teñan que facerse cargo de cometidos como as valoracións nutricionais que competen a persoal coa necesaria formación, como poden ser nutricionistas.
- Logo da necesaria rectificación e delimitación de funcións, ampliación dos prazos para poder facer efectiva a entrega da información que proceda sen que incida negativamente na actividade normal dos centros.
- Que toda a documentación que remita a administración galega estea en galego. O documento denominado “Programa 16_Evaluacion nutricional menús escolares”, con logotipo da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade está integramente redactado en castelán.