CIG-Ensino denuncia a nova tesoirada da Xunta, coa maior redución de profesorado en 13 anos
Menos profesorado e peores condicións de traballo, con máis afíns e itinerancias; cese de centos de docentes interinas/os e un profesorado substituto que terá máis difícil traballar ao longo do curso; maiores ratios en todas as etapas; menor oferta educativa en secundaria; aumento da burocracia; abandono das familias para afrontar o enorme incremento de prezos; sen incremento nas partidas para afrontar os gastos dos centros dos centros e unha consellaría que improvisa na posta en marcha das novidades didácticas e curriculares.
Así resumía está mañá, en rolda de prensa, o comezo do novo curso escolar o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello. Un curso que arrinca cun enorme descontento por parte da comunidade educativa que está convocada, pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a unha serie de accións en protesta polos recortes.
Por unha banda familias, alumnado e profesorado están chamados a concentrarse, o vindeiro mércores día 7 de setembro, nos centros educativos ás 11:30 horas para pór de manifesto ese malestar e a seu rexeitamento aos recortes.
Pola outra, representantes de organizacións que conforman a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público chaman tamén a sumarse –a quen poida achegarse- a unha concentración que terá lugar á mesma hora fronte á consellaría de Educación, no edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela.
Ademais, a CIG-Ensino non descarta outras mobilizacións no caso de que non se atendan as demandas de persoal por parte dos centros educativos e a consellaría siga sen querer iniciar a negociación da recuperación do horario lectivo, previo á chegada de Feijóo ao goberno porque, “xunto coa redución de ratios, son as únicas medidas que permitirán manter a calidade da atención e a equidade do ensino público galego”, explicou Bermello.
Máis recortes
O curso 2022/23 comeza , segundo o secretario nacional da CIG-Ensino, cunha nova “tesoirada” no emprego público. A falta de cifras completas e xerais, que a Consellaría se nega a proporcionar, este curso comeza con 717 docentes menos con destino provisional, segundo a comparativa da adxudicación definitiva de destinos co curso 21/22. “É, despois do recorte do curso pasado, que segundo datos oficiais da Consellaría supuxo 869 docentes menos, a maior redución desde hai máis de 13 anos”, denunciou Bermello.
Este dato inclúe, entre outros, os efectos do peche de 59 aulas en Infantil e Primaria (só neste caso xa se perderon uns 100 postos de traballo) xunto coa redución de prazas que se viñan cubrindo nos CEIP con carácter provisional e se negan neste curso, especialmente no caso de prazas de apoio de Infantil e de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe.
Pola contra, segundo explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, no que atinxe á atención á diversidade, “mantéñense todas as axudas ao ensino privado concertado e mesmo, como denunciamos a semana pasada, que se inclúe nas mesmas a contratación de perfís profesionais que non existen nos centros de titularidade pública”.
Recorte xeneralizado en secundaria
No caso de secundaria denunciou un recorte xeneralizado de postos de traballo, eliminando a práctica totalidade dos desdobres anteriores e imposibilitando manter a oferta educativa existente, nalgúns casos desde hai anos: ensinanzas de adultos nos IES, diversidade de optativas etc.
Neste sentido lembrou as denuncias que, ao longo deste verán, fixeron varios centros educativos porque estas medidas implicarán unha perda enorme da calidade educativa dos centros e chegar á ratio máxima de ESO e Bacharelato, mesmo en institutos que non teñen suficiente espazo para todo o alumnado.
Por iso clamou contra a redución de docentes nestas dúas etapas educativas, mediante a amortización de prazas de persoas que se xubilan ou que están en postos fóra do centro que “non está baixo ningún concepto xustificada dado que o propio conselleiro vén de indicar estes días que aumentou o alumnado matriculado con respecto ao curso pasado”.
En xeral, e tal e como explicou, a perda de postos de traballo afecta especialmente a Educación Infantil, o ensino obrigatorio (Primaria e ESO) e o Bacharelato e non é maior polo incremento de docentes na Formación Profesional e nalgunhas ensinanzas de réxime especial.
Botando man de datos oficiais da Xunta apuntou ademais que na evolución do total de docentes “vese claramente unha perda incesante de postos de traballo no ensino público que contrasta co incremento de postos no ensino privado. Tan só en Infantil e Primaria o recorte de mestras e mestres desde a chegada do PP á Xunta no 2009 é superior ao 10% ao tempo que o profesorado do ensino privado no seu conxunto aumentou preto do 6%”.
Os recortes teñen, por tanto, un efecto enorme na oferta educativa e na capacidade de ofrecer unha atención á cada vez maior diversidade presente nas nosas aulas, como reclaman familias, alumnado e profesorado ano tras ano.
Ceses e empeoramento das condicións de traballo
Diante desta situación, o secretario nacional da CIG-Ensino advertiu que a perda de postos de traballo ten, obviamente, uns efectos determinantes nas condicións nas que o profesorado realiza o seu traballo. A este respecto indicou que neste curso 2022/23 amplíase a porcentaxe de profesorado que terá que impartir materias afíns ou diferentes á da súa especialidade nun 2% ao respecto do curso anterior. Así, e sempre partindo de datos do profesorado que ten destino provisional, “no caso de secundaria, FP e outras ensinanzas case un terzo do mesmo impartirá afíns”, afirmou.
No caso dos e das mestras de Infantil e Primaria salientou o aumento do profesorado itinerante, que é aquel que ten que impartir docencia en varios centros e explicou que aínda que na maior parte dos casos isto implica traballar en dous centros, hai numerosos docentes que percorrerán até tres e catro escolas durante a súa xornada semanal.
Manifestou ademais a súa preocupación porque “a itinerancia segue a ser especialmente preocupante no caso de Orientación educativa, na que máis da metade das mestras e mestres provisionais teñen que atender varios colexios”, algo que, como lembrou, “a CIG-Ensino vén denunciando reiteradamente e para o que ten demandado un novo deseño da rede de orientación, reducindo ao mínimo imprescindíbel a compartición de centros”.
Respecto da continuidade da política de potenciar a impartición de materias nun idioma estranxeiro (basicamente o inglés), Suso Bermello lamentou que “continúa a súa escalada e ten repercusións importantes na distribución de postos de traballo no persoal interino e provisional”.
Máis alá das consideración de relegación do noso idioma na carga horaria das materias ou mesmo de consideracións pedagóxicas cada vez máis estendidas en contra dun modelo que non funciona e que, pola contra, debera reforzar a redución de alumnado nas aulas do propio idioma estranxeiro, sinalou que “hai moitas e moitos docentes interinos de longa antigüidade que ficaron sen traballo ao seren ocupadas as prazas por persoal con perfil bilingüe, agravando aínda máis os efectos sobre este persoal provocados polos recortes”.
1.225 docentes interinas/os menos
O secretario nacional da CIG-Ensino informou de que a redución de profesorado interino neste curso ascende a 1.225 docentes, o que atribuíu a tres factores: aos efectos dos recortes de postos de traballo provocados pola política da Consellaría; ao propio resultado das ofertas de emprego descompasadas neste ano 2022, despois do concurso-oposición celebrado en xullo e á espera do concurso de méritos extraordinario que terá lugar, con toda probabilidade, ao longo deste primeiro trimestre e, sobre todo, á negativa da Xunta a que o profesorado recupere o horario lectivo previo aos recortes de Feijóo agora co continuísmo de Rueda, con 18 períodos lectivos en secundaria e 21 en primaria.
Denunciou que, por mor destas circunstancias, “centos de docentes pasarán de traballar todo o curso a facer substitucións e, outros moitos e moitas máis que traballaban uns meses ao ano, verán moi difícil ou case imposíbel ser chamados. Novamente, a nivel laboral, os recortes inciden na precariedade”. Explicou que a inexistencia dun acordo de estabilidade que lle garanta emprego a aquel profesorado interino con longa traxectoria ou de avanzada idade, que vén defendendo a CIG-Ensino en solitario desde hai moitos anos, “impide que unha boa parte deste profesorado teña continuidade laboral durante todo o curso”.
Horario lectivo
Suso Bermello denunciou ademais que Galiza pasou, nestes anos, de ter o persoal docente coas mellores condicións, no que ao horario lectivo se refire, a ser xa unha das peores. “O PP galego mantén, xa case en solitario no conxunto do estado”, denunciou, “a negativa a recoñecer publicamente o esforzo e traballo docente e a restituír unhas condicións que non implican traballar menos senón facelo en mellores condicións, para o profesorado e, como consecuencia, que melloran a calidade do sistema educativo”.
Desidia da Xunta ante a crise económica das familias
Respecto da situación económica, lembrou a “hipocrisía” que caracterizou sempre a Feijóo, “como campión dos recortes en moitos ámbitos do sector público”. Hipocrisía que mantén porque “podemos ver como nestas datas o PP español reclama a gratuidade dos libros de texto que o propio Feijóo se cargou nada máis chegar á Xunta”.
Chamou a atención sobre o “brutal encarecemento dos prezos” e denunciou que, malia isto, “a Xunta non muda a súa política de subvención controlada dos libros de texto. Sen rectificar e aceptar o que moitas entidades e organizacións como a CIG-Ensino lle demandamos, a volta á gratuidade total dos libros de texto e de todo o material escolar, o que provoca o agora presidente Rueda é que miles de familias se vexan aínda en maiores apuros para afrontar unha volta ás aulas especialmente complicada”.
Falta de investimento nos centros
Os centros educativos tamén están afectados pola política de limitación de investimento no ensino público da Xunta. Segundo apuntou o secretario nacional da CIG-Ensino, un dos problemas serán nos comedores escolares. “O curso pasado a consellaría só incrementou catro céntimos por comensal (e tan só no último trimestre) os fondos para os comedores propios da Xunta nos centros escolares. Neste comezo de curso, e malia a evolución dos prezos dos alimentos, non se sabe nada de ningún posíbel incremento substancial que permita manter estándares de calidade no servizo de comedores escolares dos centros públicos, algo que a CIG-Ensino considera fundamental” afirmou.
Outro elemento que xera unha especial preocupación desde os centros, e así o trasladaron á CIG-Ensino os equipos directivos, é o relativo aos gastos de funcionamento dos mesmos, que tan só en calefacción se poderían disparar até facelo inasumíbel. “Urxe unha reacción da Xunta en todo o relacionado cos gastos básicos de todos os centros educativos (luz, gasóleo, material funxíbel…) se non se quere provocar un colapso nuns meses”, concluíu.
Máis burocracia
Suso Bermello manifestou ademais a súa preocupación porque, o día 8 de setembro, o profesorado galego afrontará un novo curso con cambios lexislativos que afectan ao currículo e ao enfoque didáctico derivado da reforma da LOMLOE. “Vaino facer sen que estea publicado ningún dos novos currículos e mesmo cun deles -o dos ámbitos da FP Básica- aínda en fase de consultas”.
Por iso denunciou que o goberno galego “carga contra o español por levar con retraso unha tramitación, que é certo que non foi todo o áxil que debería, na que a propia Consellaría rompe todas as marcas: nin hai publicación de currículos, nin se sabe se vai tomar en consideración moitas emendas aprobadas polo pleno do Consello Escolar de Galiza e que matizaban dun xeito relevante as propostas da Administración, por exemplo, no tema das “notas” numéricas en Primaria ou na ESO”.
Simultaneamente ponse en marcha unha nova ferramenta informática para o profesorado á hora de facer as programacións didácticas, que “está por ver como resulta, mais que se segue a dinámica do que xa se constatou na FP nos últimos anos implicará unha carga moi importante de burocracia inútil no quefacer diario do profesorado. Iso si, a administración educativa pona en marcha sen soporte legal, xa que só se fixa para aqueles cursos impares nos que precisamente se implanta a LOMLOE, o que a todas luces é un despropósito organizativo”.