CIG-Ensino demanda que o Concurso Xeral de Traslados sexa exclusivamente de ámbito galego

Ante o elevadísimo nivel de provisionalidade que existe
Nacional - 24 Out 2017

Na Mesa Sectorial celebrada esta mañá a CIG-Ensino defendeu que o concurso xeral de traslados sexa este ano de ámbito unicamente galgeo. A central sindical argumentou que xa existe a posibilidade de concursar a nivel estatal cada dous anos “polo que a mobilidade do profesorado está garantida, mentres que dentro de Galiza segue existindo unha altísima provisionalidade, como o demostra o feito de que existan arredor de 1.000 persoas sen destino definitivo e máis de 6.000 que concursan cada ano”.

Facéndose eco das demandas do funcionariado que está en expectativa de obter destino definitivo, e que supera as 1.000 persoas, a CIG-Ensino solicitoulle á Consellaría que restrinxa o ámbito de participación ao noso País. Neste sentido, o seu secretario nacional, Xesús Bermello, lembrou que “existen especialidades cun nível altísimo de provisionalidade, con docentes que levan máis de 10 anos sen destino definitivo”. “Con esta decisión”, engade Bermello, “a administración está a dificultar a redistribución ou a recolocación dos seus efectivos, que é o obxectivo que se fixa na súa propia orde regulatoria”.

Para o sindicato nacionalista a normativa de participación xa regula que cada dous anos o CXT ten carácter estatal, polo que a mobilidade do profesorado está perfectamente garantida. De feito, o curso pasado esta circunstancia permitiu que 17 persoas do corpos de mestres e 43 dos corpos de Secundaria accederan desde fóra de Galiza e, á vez, que obtiveran destino fóra do País 41 mestras ou mestres de Primaria e 32 docentes dos corpos de Secundaria. “Non se trata de cifras elevadas, sobre todo se temos en conta que cada ano concursan a nível galego máis de 6.000 persoas (concretamento 6.205 no curso 2016/2017) para obter o seu primeiro destino definitivo ou cambiar o que xa se ten”.

Así pois, debido ao altísimo interese que ten o profesorado en cambiar de centro ou de localidade de traballo dentro do noso territorio, a CIG-Ensino instou á Consellaría a modificar o borrador da Orde que se debateu na Mesa Sectorial para que este ano non se dea ningunha excepcianalidade e se respecte o seu ámbito de actuación.

Lingua

Por outra parte, a CIG-Ensino demandou que todas as especialidades que se convoquen teñan perfil lingüístico galego co obxectivo de garantir que o profesorado teña as competencias necesarias para desenvolverse no noso idioma. “Non é nin máis nin menos que o que a propia Consellaría exixe para superar unha oposición: ter o nível CELGA 4. A día de hoxe só as especialidades de Infantil e de Primaria do Corpo de Mestres e Historia e Bioloxía de Secundaria, así como todas as específicas da FP teñen ese requisito”, lembrou Xesús Bermello.

Por outro lado, nun concurso no que se ten en conta todo tipo de meritocracia, a CIG-Ensino propuxo que se valore como mérito a impartición de aulas en galego, tal e como recolle a convocatoria estatal para outros territorios.

Transparencia na publicación das vacantes

A federación de Ensino da CIG insistiu tamén en que “non hai escusa para que as vacantes provisionais non se coñezan dentro do prazo de participación nin as definitivas antes de que remate o prazo de renuncias e de reclamacións”.

Nestes intres só se coñecen as das provincias de Lugo, Ourense e A Coruña, cando as inspeccións educativas tiñan que ter entregada a previsión antes do 15 de outubro co obxecto de poder negocialas na Mesa de hoxe. “Desde o sindicato non nos preocupa tanto o cumprimento dos prazos, que poden adiarse se é necesario, -subliñou o seu voceiro- senón a falta de transparencia nesta cuestión”.

Permisos

Noutra orde de cousas, a CIG-Ensino ten previsto referirse no apartado Rogos e Preguntas ao anuncio de Función Pública de aumentar o permiso por parto a 20 semanas  (agora son 18) e un incremento a 5 semanas do permiso de paternidade (agora son 29 días). Fronte a isto, o sindicato nacionalista aposta por un permiso de maternidade de 12 meses de duración e que progresivamente o permiso para o outro cónxuxe se amplíe até chegar á mesma duración, consolidándose o de maternidade como un permiso non transferíbel.

No camiño de acadar este obxectivo é obvio que a proposta da Xunta, aínda recoñecendo que é un pequeno avance, é totalmente insuficiente. Por iso se solicitará a negociación real dun plan de ampliación de todos os permisos recollidos na Lei de Emprego Público e, especificamente, dos que teñen que ver co nacemento e co coidado de fillos/as.