CIG-Ensino demanda a mellora e ampliación dos permisos de maternidade e paternidade
A CIG-Ensino vén de solicitar ao conselleiro de Educación que se comunique ás persoas beneficiarias a nova data de finalización dos permisos de maternidade e paternidade. Demanda ademais que se negocie unha modificación da normativa para que se amplíe até os 12 meses de duración.
O pasado 28 de decembro publicábase no DOG a Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na que se amplía a 20 semanas o permiso por parto, adopción ou acollemento para a nai funcionaria e a 5 semanas o permiso para o/a outro/a cónxuxe (unha semana máis, neste último caso de tratarse dun parto, dunha adopción ou dun acollemento múltiples).
A citada norma recolle que todas as persoas que estean gozando destes permisos no momento da súa entrada en vigor verán como se lles incrementan de oficio até cumprir a nova duración. Porén, e ante as dúbidas formuladas polos/as beneficiarios/as nas últimas semanas, reclamamos que a consellaría se poña en contacto directamente con cada persoa e lle comunique a nova data de finalización do permiso.
Ampliación insuficiente
En todo caso, e aínda recoñecendo que se trata dun avance con respecto aos dereitos que existían previamente, a CIG-Ensino considera esta ampliación totalmente insuficiente. Por iso exixe que a consellaría convoque unha Mesa Sectorial para negociar a modificación da normativa vixente de permisos e licenzas a fin de incluír a ampliación até os 12 meses de duración do permiso para a nai e que no caso do outro cónxuxe se vaia aproximando paulatinamente a ese mesmo tempo, mantendo o de maternidade como un permiso “intrasferíbel”.
Non discriminación por neonatos hospitalizados
A CIG-Ensino reitera á administración a petición do pasado 13 de decembro, de que non permita a discriminación da outra persoa proxenitora no caso da hospitalización do recén nado. Neste sentido, no marco desa modificación da norma de permisos e licenzas debería garantirse o dereito a estar cinco semanas na casa co neonato, en igualdade de condicións co resto de profesorado e sen contar os días de internamento.
A CIG-Ensino considera que durante este tempo, ademais, se lle debería permitir á outra persoa proxenitora acollerse á redución de xornada prevista no artigo 8 da Orde de 29 de xaneiro de 2016.