CIG-Ensino demanda a convocatoria de oposicións de acceso e ingreso aos conservatorios
A CIG-Ensino concentrouse esta mañá diante de Educación para denunciar a falta de planificación da consellaría, o desinterese da Administración polas ensinanzas musicais e a perda de carga horaria das materias de música na ESO e en bacharelato, tanto coa LOE como coa LOMCE, que á súa vez provocou unha redución de postos de traballo e o uso da materia de Música como comodín para completar horario doutras materias.
No decurso da concentración o secretario nacional da CIG-Ensino sinalou que neste momento aínda hai 45 docentes do corpo de Música en expectativa de destino, despois de máis de 9 ou 10 anos nesta situación, 26 dos cales imparten clase este curso nos conservatorios.
A este respecto denunciou que a consellaría “no canto de enfrontar este problema e resolvelo de vez coa creación de prazas suficientes na ESO e bacharelato, optou desde o ano 2011, á marxe dos órganos de negociación e de maneira unilateral, por adxudicarlle destino ao profesorado de PES nos conservatorios”.
Lembrou que a CIG-Ensino desde o primeiro momento deixoulle claro á consellaría que esta non podía ser a solución, xa que a existencia de diferentes corpos levaba aparellado que cada quen debía impartir docencia nas materias que lle correspondía ao seu corpo e lamentou que esta exixencia non fose asumida.
Prazas do corpo de Música ao profesorado de secundaria
Louzao explicou ademais que o TSXG resolveu que a consellaría de Educación non podía adxudicar prazas provisionais do corpo de Música ao profesorado de secundaria, aínda tendo a titulación requirida e que, porén “a consellaría decidiu unilateralmente convocar oposicións para acceder desde o corpo de secundaria ao corpo de Música e Artes Escénicas”.
A este respecto, o secretario nacional da CIG-Ensino, asegurou que a consellaría, en lugar de resolver de raíz o problema, “aposta por unha saída que pode continuar xerando conflito co enfrontamento entre dous colectivos de profesorado”.
De feito afirmou que “non podemos admitir que para obter unha praza definitiva a saída que se lle oferta ao profesorado funcionario de carreira no corpo de PES sexa a de aprobar outra oposición”.
Do mesmo xeito considerou inaceptábel que se convoquen só oposicións de acceso e non tamén de ingreso, “máxime cando vai haber unha década que non se convocan oposicións de ingreso no corpo do CMUS e non hai ningún acordo de estabilidade para o profesorado interino”.
Louzao insistiu especialmente en que se se convocan oposicións para acceder como funcionario de carreira dun corpo a outro, “o razoábel é convocar tamén oferta de ingreso a esas mesmas especialidades, como mínimo, para que o persoal interino dos CMUS teña a oportunidade de presentarse porque non ten sentido convocar unha sen a outra”.
Proposta de CIG-Ensino
A CIG-Ensino, para resolver esta situación, propón que haxa unha oferta de vacantes de Música en todos os centros que imparten ESO e/ou bacharelato co obxecto de que todo o profesorado obteña destino definitivo. Isto xunto cun incremento de horas de docencia da materia de Música, unha ampliación e/ou creación de novos conservatorios onde sexa necesario e o traspaso dos conservatorios municipais á consellaría de Educación.
A isto a CIG-Ensino engade a demanda dunha mellora da calidade do ensino; a redución das ratios, con desdobres de todos os grupos que superen os/as 15 alumnos/as e un máximo de 18 períodos lectivos á semana.
Entende que todas as vacantes de Música que se produzan por xubilación dos titulares teñen que ser ofertadas no concurso xeral de traslados e demanda que, como norma xeral, a materia de M´suica non sexa ofertada como materia afín.
Neste sentido, exixe que se oferte en todos os centros como materia específica, aínda que sexa necesario ampliar os seus cadros de persoal. Ademais propón que se contabilicen como horas de docencia o tempo dedicado á dirección de coros e á preparación de actividades musicais e considera que só excepcionalmente, e de maneira voluntaria, se poderían ofertar vacantes itinerantes entre centros próximos.
A CIG-Ensino parte de que non se poden adxudicar destinos de oficio con materias afíns e que ten que garantirse a estabilidade no posto de traballo para o profesorado interino.