CIG-Ensino de Ferrol traslada o apoio á Presidenta e ás traballadoras e traballadores de Aspromor
A CIG-Ensino traslada o seu á Presidenta, “no exercicio das súas funcións e ante o acoso que está a sufrir por parte de determinados membros da Xunta Directiva, instigados e dirixidos polo anterior presidente para que esta presente a dimisión e facerse cargo da asociación”. A Federación do Ensino subliña que dende que a actual Presidenta exercer o seu cargo existe unha “colaboración plena no día a día” cos traballadores e traballadoras, que permitiu rebaixar a tensión existente durante a etapa anterior.
Un período que, destacan, estivo cheo de conflitos constantes co persoal, o que impediu unha prestación satisfactoria de servizos. “Situación que a Presidenta actual está en camiño de resolver e mellorar e para cuxo cometido ten o total apoio das traballadores e traballadores, baseado na colaboración e no compromiso”.
A CIG-Ensino explica que recentemente o anterior presidente convocou de xeito irregular as asociadas e asociados de Aspromor “sen ser parte da Xunta Directiva e sen ocupar cargo algún na asociación”, acusando á dirección actual de desgoberno e de provocar un posíbel menoscabo na xestión económica da entidade.
A CIG-Ensino rexeita estas acusacións, destacando que acontece “todo o contrario, pois as e os traballadores están completamente comprometidos na pervivencia da asociación e dos postos de traballo e son coñecedores das dificultades económicas que xa levan vivido”. Neste senso lembran que, durante a anterior xestión, o persoal estivo máis de tres meses sen cobrar e sufría habitualmente atrasos nos cobro dos soldos.
“A Presidenta e as e os traballadores son os máis interesados en resolver a situación económica e velar porque Aspromor siga a súa andaina”, insisten. “Moitas destas penurias económicas veñen dadas de tempos anteriores onde se despediu a traballadores e traballadoras con cantidades inxentes de diñeiro pola mala xestión. E quizás tamén por meter a Aspromor baixo a tutela dunha empresa de xestión, empresa do sector da discapacidade, con razón social en Madrid e á que o anterior presidente mesmo recoñece que se lle paga e se lle deben cartos. Pero todo isto non se quere que saia a luz nin a maioría das e dos asociados son coñecedores destes feitos”, denuncia a CIG-Ensino.
Fronte a esta actitude, a CIG-Ensino insta a Fernado Nieto a que cese o actual acoso e derribo, se adapte ao que establecen os Estatutos e use as vías legais para facer todas as queixas que teña a ben presentar”.