CIG-Ensino rexeita os servizos mínimos fixados pola consellaría para a folga do 12 de decembro
O comité de folga mantivo unha reunión con responsábeis da Consellaría de Educación para fixar os servizos mínimos da folga do profesorado do 12 de decembro sen que se chegase a acordo. A Consellaría xa comunicou que levará eses servizos mínimos ao DOG. A CIG-Ensino denuncia, entre outras cuestións, que o profesorado das unitarias verá imposibilitado o seu dereito a secundar a folga ao se incluír a obriga de garantir a apertura e peche de todos os centros.
A CIG-Ensino mostrou na xuntanza o seu rexeitamento aos servizos mínimos propostos ao entender que non debería ser preceptivo que todos os centros educativos tivesen a obriga de permanecer abertos, o que de por si supón unha clara limitación para que as mestras e mestres que traballan en unitarias (non dependentes de ningún CRA) poidan secundar a folga.
As propias sentenzas do TSXG, en diferentes recursos presentados pola CIG contra anteriores decretos de servizos mínimos, foron claramente contraditorias. Por un lado chegou a afirmar que "os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo”, o que claramente indicaría que non tería que existir obriga de abrir os centros escolares, xa que nas fins de semana permanecen pechados. Posteriormente o TSXG emendouse a si mesmo e deu por boa a decisión da Xunta de obrigar a apertura das unitarias.
Por iso a CIG Ensino denuncia que se negue o dereito á folga a todas as compañeiras que desempeñan o seu labor nas unitarias que non estean incluídas nun CRA, e segue sen entender por que non se traslada o que se permite para os equipos directivos dos centros de menos de seis unidades: nos centros de menos de 6 unidades a directora ou director poderá ser substituído por un membro calquera do equipo docente. Defende que isto mesmo se traslade aos centros de 6 ou máis unidades.