CIG-Ensino cualifica de “insulto á intelixencia” a proposta de suba de 50€ mensuais até 2021
A CIG-Ensino (que ostenta o 53% da representación do profesorado na Mesa Sectorial) cualificou esta mañá a actitude da Consellaría de Educación como un “insulto á intelixencia” tras a segunda reunión aberta para negociar sobre a homologación do profesorado galego con respecto ao resto do Estado.
Despois de que a semana pasada non trouxera ningunha proposta concreta e se pechara en banda a negociar calquera outra cuestión que se saia do guión desa suposta homologación, “algo totalmente anómalo e inédito na forma de negociar por parte da administración”, en palabras de Suso Bermello, “hoxe a Consellaría limitouse a presentar unha suba de 50 euros mensuais que se distribuirían de forma gradual en tres anos, desde xaneiro de 2019 até decembro de 2021”.
O secretario nacional da CIG-Ensino censurou que “se estea limitando todo este proceso a unha cuestión de ranking, como se se tratara do concurso de Eurovisión” e lembrou que a negociación naceu totalmente deturpada desde o comezo, ao aceptar o resto de organizacións sindicais as limitacións impostas pola Consellaría e non querer pactar a introdución doutro tipo de negociacións ademais das retributivas, nin sequera recoller un calendario de negociacións.
Con todo, ao respecto da proposta da administración explicou que “as cifras son interesadas, porque non se contemplan os complementos que cobra todo o profesorado que comeza a traballar nas outras comunidades autónomas desde o primeiro día”.
Mandato claro do profesorado galego
Neste sentido, indicou que aínda que para a CIG-Ensino a equiparación salarial debe ser unha parte máis da negociación global. "Tal e como lle trasladamos ás demais organizacións sindicais o pasado mércores, a proposta da CIG-Ensino ten como límite de chegada os 150 euros de suba que se asinaron no acordo de 2006, xunto co compromiso de calendario de negociación das condicións de traballo do profesorado galego e a recuperación do roubado nestes anos", engadiu.
De todas formas, a CIG-Ensino insistiu en que o mandato do profesorado galego está claro, como se puido comprobar na recente campaña de recollida de sinaturas con 12.000 apoios á recuperación dos dereitos perdidos nos últimos anos.
O sindicato evidenciou na Mesa que non vai renunciar a pedir que se recolla por escrito unha data de comezo e un calendario de negociación das condicións de traballo do persoal docente: redución de rateos, volta ás 18 horas lectivas en Secundaria e ás 21 en Primaria, redución da burocracia, transparencia nas vacantes, eliminación dos descontos por enfermar, etc.