CIG-Ensino critica a xestión da Consellaría nas listaxes de destinos provisionais e nos prazos para se anotar para facer substitucións

A central dirixiuse á Administración para advertir dos erros
Nacional - 01 Xul 2020

CIG-Ensino denuncia que mentres que as listaxes de profesorado obrigado a participar no concurso de adxudicación de destinos provisionais (CADP) conteñen graves erros coa incorporación de persoal que xa ten destino definitivo ou de persoal substituto sen consolidar, a apertura de listas de substitucións este mércores deixará fóra a centos de persoas que non darán tramitado a titulación de Grao ou Mestrado.

A CIG-Ensino púxose en contacto o pasado martes coa Consellaría de Educación para advertir do erro de incorporar nas listas do CADP a profesorado actualmente en prácticas, mais que xa acadou un destino definitivo que ocupará con data 1 de setembro.

A central tamén tivo coñecemento de que nalgunha lista do corpo de mestres aparecen persoas que non terían consolidado o seu posto ao non teren traballado "e malia iso aparecen como obrigadas a participar".  A maiores hai tamén algúns erros nas listas do corpo de mestres de profesorado que non aparece na especialidade na que aprobou a oposición e si aparece en primaria. A CIG-Ensino solicitou que se corrixan os erros á maior brevidade posíbel.

 

A apertura de listaxes penaliza a quen está a rematar o Grao ou o Mestrado

Súmase a esta constante improvisación por parte da Consellaría de Educación a apertura de varias listaxes de substitucións con prazo de presentación até o 15 de xullo, data en que dificilmente moito alumnado das distintas facultades de Educación ou de Mestrados de Secundaria poderán ter os seus títulos para sumarse a estas listas.

"O menos que se debe agardar dunha administración eficiente é que estea coordinada, neste caso coas tres universidades galegas e cos calendarios de peche de actas que permiten que se poida alegar a titulación necesaria para impartir docencia. Que isto se faga neste momento, cando non vai haber incorporación a postos de traballo, é un desprezo cara estas e estes futuros profesionais que, deste xeito, quedarán sen posibilidades de se incorporar a facer substitucións para o curso 2020/21", advirten.

Desde a CIG-Ensino demándase da Consellaría que se estenda o prazo para poder incorporar, cando menos, ás persoas que se titulen neste mes.