CIG-Ensino consegue melloras por riba do convenio co Plan de Igualdade das escolas infantís ‘Aurora, Pilar e Ana SL’
Despois dunha negociación de tres meses e seis reunións nas que a CIG-Ensino levou sempre a iniciativa conseguiuse chegar a un acordo de mínimos coas outras organizacións e coa empresa que deron como resultado o primeiro Plan de Igualdade asinado neste sector en Galiza, tanto no ensino público como privado.
Nel recóllense varias melloras con respecto ao convenio de educación infantil, que é polo que se rexe a empresa Aurora, Pilar e Ana SL, propietaria de 15 escolas infantís en toda Galiza, entre elas a do Pino, a única na que a CIG tiña delegada sindical, o que fai, aínda se cabe, máis meritoria a aprobación deste plan que se estende á totalidade das súas traballadoras.
O plan, recolle, entre outras medidas, un permiso de 20 horas anuais retribuídas para acompañar a consultas médicas a familiares a cargo, o aumento do período de goce do permiso de lactación de 9 a 10 meses, a obrigatoriedade de impartir a formación dentro do horario laboral, mellora da estabilidade laboral para traballadoras con contratos curtos, podendo optar prioritariamente ás novas vacantes que se necesiten na escola, o permiso para acudir con fillos ou fillas con NEAE á adaptación escolar, o impulso da xornada continuada ou a posibilidade de fraccionar os permisos por hospitalización ou enfermidade grave de persoas a cargo.
No acordo, ratificado a finais de xullo, establécese un calendario de implantación das medidas recollidas en dito plan que vai desde o curto prazo, neste primeiro ano, ata algunha que está prevista máis a longo prazo, e que consiste basicamente nunha avaliación cada 3 ou 4 anos sobre a satisfacción das traballadoras, as súas necesidades en materia de conciliación e propostas de mellora.
- Escola Infantil de Pontevedra
- Escola Infantil de Outeiro de Rei
- Escola Infantil San Paio de Vigo
- Escola Infantil de Valga
- Escola Infantil de Viveiro
- Escola Infantil de Becerreá
- Escola Infantil de O Pino
- Escola Infantil de Coristanco
- Escola Infantil de Neda
- Escola Infantil de Cerceda
- Escola Infantil de Vedra
- Escola Infantil de Sada
- Escola Infantil de Lugo Mª Wonenburguer
- Escola Infantil Atalaia - Teis
- Escola Infantil do Hula
Medidas a implantar no primeiro ano acadadas pola CIG-Ensino
- - Ampliación do permiso para acompañar a citas médicas do SERGAS a familiares dependentes a cargo a través dunha bolsa de 20 horas anuais retribuídas sen capacidade de ser devoltas nin cambiadas por días de vacacións- Os cursos e accións formativas da empresa realizaranse sempre durante a xornada laboral, computándose como tempo efectivo de traballo.
- - O permiso de lactación ou de coidado no caso de adopción poderá gozarse até o décimo mes
- - Posibilidade de flexibilización dos días de permiso por hospitalización ou enfermidade grave de persoas a cargo de forma fraccionada, dentro das marxes de organización interna da escola
- - Durante os períodos de adaptación escolar o persoal con crianzas con NEAE poderá ausentarse polo tempo necesario.
- - Ante unha nova vacante optarán a mellorar as súas condicións laborais (xornada laboral, contrato...) as persoas traballadoras que xa formen ouxa formasen recentemente parte da empresa
- - Impulso da xornada continuidada fronte á xornada partida como medida de conciliación.
- O persoal que teña persoas a cargo con discapacidade ou enfermidade grave terán prioridade no cambio de quenda.
- Garantía de que as ofertas de emprego se limiten á descrición exacta do posto de traballo. Abrir as accións formativas para garantir a polivalencia e a rotación do persoal e maiores posibilidades de promoción.
- Formación en materia de igualdade, incluído acoso sexual e violencia de xénero, tanto á comisión de seguimento como ás persoas responsábeis da selección de persoal.
- Promoción prioritaria para as mulleres nas categorías nas que estas supoñan o 25% ou menos, podendo promocionar os homes sempre que non existan candidatas que cumpran os requisitos.
- Garantía por parte da empresa de que todas as persoas que o desexen poidan participar nos procesos de promoción.
- Participación activa na sensibilización en contra da violencia de xénero durante todo o ano, especialmente na semana do 25N.