CIG-Ensino concéntrase no CEIP Camiño Inglés de Oroso coincidindo co acto de inicio do curso escolar
Esta mañá un grupo de delegados e delegadas da CIG-Ensino concentrarónse diante do colexio de Oroso escollido este ano para inaugurar o curso escolar nun acto no que estiveron presentes a raíña Letizia de Borbón, a ministra de Educación Pilar Alegría, o presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Cultura e Educación Román Rodríguez, entre outras autoridades.
Precisamente estes dous últimos foron obxecto de interpelación directa polos representantes sindicais para que non adíen “nin un minuto máis o inicio das negociacións para recuperar os dereitos que nos foron roubados e que Galiza segue ser a única comunidade do Estado en non recuperar”.
En concreto, o secretario nacional Suso Bermello apelou ás últimas declaracións do conselleiro nas que pide “tranquilidade e sosego” para iniciar un diálogo coa representación do profesorado. “Está claro que o conselleiro pensa en clave puramente electoral cando fai estas declaracións porque a ninguén se lle escapa que o vindeiro ano hai eleccións en Galiza pero a cuestión que debera avergoñalo a el e a todo o goberno galego é ser o que máis despreza o seu persoal docente en todo o Estado”, indicou.
Apertura xa das negociacións
Neste sentido, a CIG-Ensino insta a que se abran as negociacións xa neste mes de setembro ou, como advertiu Bermello, “se tomarán todas as medidas de mobilización, incluída a folga, para presionar á Xunta para recuperar nin máis nin menos que o que tiñamos en 2010: o mellor horario lectivo de todo o Estado: 18 horas en secundaria e 21 en primaria, así como atender dúas das principais demandas de toda a comunidade educativa: reducción de ratios nas aulas para unha atención máis personalizada e das tarefas burocráticas que abafan o persoal docente e lle detraen tempo para preparar as clases, innovar pedagoxicamente e atender a cada vez maior diversidade que existe nas aulas”.
“O conselleiro mente cando fala de que Galiza ten as mellores ratios do Estado”, insistiu Bermello. “Sabe ben o profesorado dos centros das vilas e grandes cidades que hai aulas masificadas, con ratios de máis de 200 alumnos e alumnas por docente e con 25 estudantes por aula en infantil e primaria, 30 en secundaria e 35 en Bacharelato sen contar quen repite curso, que hai numerosas aulas nas que se deberan autorizar desdobres como si se facía antes dos recortes do goberno do PP. Manipular as cifras facendo media das ratios dos centros do rural é mentir e desprezar unha realidade que coñece ben profesorado e as familias que non van agardar un minuto máis para recibir o ensino de calidade que o alumnado merece”, sentenciou.