CIG-Ensino chama a protestar, o 8 de xuño, contra as decisións da consellaría para o curso 2022/23
Diante das últimas actuacións da Consellaría de Educación, dunha falta absoluta de consideración co persoal docente, a CIG-Ensino promove unha resposta de todo o profesorado galego para manifestar o rexeitamento ás imposicións unilaterais da administración, sen tomar en conta a súa profesionalidade e afondando aínda máis nunha sobrecarga de traballo e burocracia e nunha falta de respecto por un colectivo, o docente, que debería ser tomado en consideración como o que é, a parte central do sistema educativo.
O sindicato anima a saír nos recreos do mércores 8 de xuño e protestar contra unha consellaría que, lonxe de atender as súas demandas para mellorar o ensino público e as súas condicións de traballo, lexisla na súa contra e despreza o seu papel. Son moitas as actuacións destas últimas semanas que agravan a situación na que remata este curso e avanzan un comezo de curso no que non só se negan a negociar melloras senón que van xusto na dirección contraria.
Sobran razóns, é preciso reaccionar
- Contra o incremento do calendario escolar por riba dos 175 días que a Lei estatal impón.
- Contra a desconsideración das mestras e mestres de Infantil, restrinxindo o período de adaptación, até anulalo na práctica, sen ter en conta a decisión profesional.
- Contra o incremento da burocracia, absolutamente disparada hoxe e que aínda irá a máis no curso 2022/23, coas medidas impostas polos burócratas de San Caetano.
- Contra as imposicións das Instrucións do próximo curso escolar, promovendo medidas irrespectuosas co conxunto de integrantes dos claustros, como a elección de grupos en secundaria no mes de xullo sen a presenza de todo o profesorado afectado.
- Contra a negativa da Consellaría a negociar uns horarios lectivos xustos e que permitan recuperar os dereitos (18 e 21 horas lectivas en infantil e primaria e secundaria respectivamente)
- Pola mellora das condicións nas que desenvolve o profesorado o seu traballo, reducindo ratios e mellorando a atención á diversidade.
- Polo incremento dos cadros docentes, para poder afrontar os retos dunha educación pública de calidade.
- Polo respecto a quen están a pé de aula, “exiximos o cese dos cargos políticos que impoñen unha carga burocrática inasumíbel e desprezan o profesorado”, conclúe a CIG-Ensino.