CIG-Ensino apoia un Plan específico para a escola rural na liña do da Confederación Anpas Galegas

Na presentación constatáronse as diferenzas existentes canto a servizos e prestacións en concellos rurais e urbanos
Nacional - 30 Mar 2023

A Confederación de Anpas Galegas presentou un Plan específico para o ensino no rural galego, en Rábade, ao que a CIG-Ensino manifesta o seu apoio. No acto, puxéronse de manifesto as diferenzas existentes -que leva anos denunciado a CIG-Ensino- en canto a servizos e prestacións entre os centros e o alumnado dos concellos rurais e urbanos.

A proposta, que se pode consultar nesta ligazón, foi elaborada a partir, entre outras achegas, dunha enquisa na que participaron 640 familias de 93 concellos galegos. Nela recóllense como principais eixos de acción crear unha rede de centros educativos “atractivos” e abertos ao territorio, con infraestruturas, cunha maior dotación de persoal para a atención á diversidade, con maiores e mellores servizos complementarios (comedores e transporte escolar fundamentalmente); aproveitar a redución das ratios e os agrupamentos para a innovación pedagóxica e un ensino máis personalizado, diminuír a fenda dixital e incrementar a oferta de optativas na ESO e BACH e de estudos de FP para evitar as desigualdades e a falta de futuro que aboca ao alumnado a “emigrar” cara ás cidades desde idades moi temperás.

Ao acto no que se presentou o documento no que se recolle o Plan asistiu a secretaria de Acción Institucional e Área Pública da CIG-Ensino. O texto, composto por 80 páxinas, é froito dun amplo estudo que englobou tres metodoloxías de traballo:

  • Grupos en liña nos que as familias tanto dos ámbitos rural como urbano, nomeadamente as nais, buscando a opinión “desde dentro pero tamén desde fóra” sobre o que supón vivir e estudar no rural.
  • Inquérito anónimo e moi detallado no que participaron un total de 640 familias de 93 concellos. Entre os que achegaron un número maior de 15 enquisas cubertas están Cangas, Sober, Vedra, Santiago de Compostela, Monterroso, Alfoz, Ferro, Vilalba, Carballedo, Zas, Becerreá e O Saviñao
  • Organización de catro foros de temáticas diferentes, nos que participaron persoas do mundo social, económico e cultural para que achegaran propostas concretas.

Principais conclusións

Froito deste traballo, presentado polo presidente e a vicepresidenta de Anpas Galegas, Fernando Lacaci e Isabel Calvete, extráense algunhas conclusións positivas sobre a escola rural pero sobre todo detectáronse as principais carencias que a caracterizan, unha análise que comparte a CIG-Ensino, e que se poden resumir nos seguintes ítems:

  • Menor optatividade na ESO e Bache menor profesorado especialista (inglés, música, educación física) en Infantil e Primaria.
  • Inestabilidade dos claustros, froito da continua mobilidade do profesorado que tamén ten menos servizos por vivir e traballar nas zonas rurais.
  • Deficiente atención ás necesidades especiais: menos especialistas de orientación e de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Entre un 28 e un 50% das familias que participaron na enquisa indicaron que o seu centro carece dalgunha destas figuras: a que hai en maior frecuencia é o/a orientador/aa tempo parcial, un 70%.

Neste caso a proposta fai incidencia na necesidade de que se contemplen estes centros como singulares porque se existe unha crianza de 50 con NEAE ten que ter o mesmo dereito de apoio que nun centro onde haxa 10 de 500, porque a porcentaxe é a mesma.

  • Dificultade de formación ou actividades alternativas para o alumnado, agás para quen reside nos núcleos principais dos concellos, derivada da problemática do transporte, da menor oferta deportiva ou lúdicae dos condicionantes das propias familias.
  • A percepción de que os agrupamentos nos CEIPs e CPIs son un primeiro paso para o peche do centro e que reducen a calidade educativa fronte, por exemplo, ao éxito deste formato nas escolas unitarias periurbanas ou nos CRAs.

Segundo os datos da enquisa, en educación infantil máis da metade do alumnado comparte aula con nenos e nenas doutro curso ou de varios cursos. En educación primaria a situación varía e as porcentaxes que comparten aula co alumnado dun ou varios cursos oscila entre o 17% de 4º curso e o 33% de 2º.

A proposta de Anpas Galegas pasa porque onde sexa preciso realizar estes agrupamentos se lle dea formación específica e liberdade ao profesorado para traballar de acordo á realidade do centro e do seu territorio e se reforcen os cadros de persoal para traballar con alumnado de distintos cursos.

  • Necesidade xeral de baixar as ratios ou de manter as xa existentes. Unha das opcións que se plantexan como solución para aproveitar as “feblezas” da contorna rural é precisamente que o ensino teña un carácter máis personalizado, sexa ou non mediante agrupamentos. Estas son as preferencias das familias en canto ao número máximo de alumnado por aula dependendo das etapas educativas:
  • En Educación Infantil hai dúas opción apoiadas polas familias: menos de 12 e entre 12 e 15, ambas con porcentaxes de 43% e 44% respectivamente.
  • En Educación Primaria claramente a opción preferente é entre 12 e 15 estudantes como máximo.
  • Na ESO tamén a opción de entre 12 e 15 é a que consideran mais acaída o maior número de familias (45,7%), seguido de 16-20 (35%).
  • En Bacharelato son tamén estas as opción maioritarias: entre 12 e 15 (38,7%), e entre 16 e 20 polo 37%.

Problemas de base que é preciso solucionar

A CIG-Ensino coincide na análise con ANPAS Galegas en que hai determinados problemas, que exceden o meramente académico, que nestes momentos están a situar en clara desvantaxe ao alumnado do rural.

Neste sentido, son constantes as queixas polo funcionamento do transporte escolar, baseado simplemente en criterios de gasto, que condiciona claramente os horarios lectivos e sen apenas opcionalidade fóra destes, tanto para servizos como para actividades complementarias, como para etapas educativas postobrigatorias.

O feito de que non exista transporte para Bacharelato ou Ciclos Formativos obriga a que alumnado xa moi novo teña que desprazarse a estudar a núcleos urbanos ou periurbanos e a que non se impartan estas ensinanzas ou acabe reducíndose moito a súa oferta nos concellos con menor poboación.

A este respecto, un 66% indican que a unha distancia máxima dunha hora en autobús desde a súa casa existe a posibilidade de estudar módulos de Formación profesional vinculados ás características do territorio (forestal, agrario, pesqueiro, gandeiro...) fronte a un 34% da mostra que indica que non. Un 79% contesta que é bastante ou moi necesario incrementar a oferta deste tipo de estudos fronte a un 22% que o consideran nada ou algo necesario.

Tamén as eivas nos comedores escolares estiveron moi presentes na análise feita por ANPAS Galegas como unha das problemáticas que precisan dunha mellora inmediata.

Mentres que se reducen moito os comedores de xestión directa con cociña e persoal propio nos centros, a tendencia é cada vez máis a que sexan empresas de catering as que presten este servizo e persoas voluntarias, e polo tanto sen a formación necesaria, as que exerzan o labor de vixilancia dos mesmos, á vez que recae toda a xestión que conleva a compra dos produtos ou relación coas empresas e co persoal coidador sobre as direccións, que xa teñen de por si unha grande carga de traballo.

No tocante ao desaproveitamento da contorna e á pouca relación existente entre os centros escolares e o territorio as críticas baséanse sobre todo na rixidez dos currículos educativos e na falta de autonomía docente para traballar con pedagoxías adaptadas á realidade sociocultural de cada área.

Tamén se bota de menos, aínda que con excepcións, unha maior implicación das administracións locais para favorecer o uso dos espazos ou recursos educativos por parte dos propios habitantes do concello.

Na enquisa evidenciouse a importante fenda dixital que existe nas zonas rurais. Case a metade das familias (47%) indican que nos seus centros non teñen ordenador nas aulas ou existe só nalgunhas delas, situación similar ocorre coa dotación de pantallas dixitais onde esta porcentaxe se sitúa no 42%.

Preguntadas pola calidade da conexión a internet que hai no centro, a metade das familias consideran que a conexión funciona ben (53%), pero hai un 42,8% que indican que é moi mala, mala ou regular.

En canto aos fogares, un 57% das familias cuestionadas asegurou ter un ordenador na casa e o 6% ningún. Tamén o 20% asegurou non ter impresora. Ademais de que o 45% das persoas enquisadas sinalou que dispón dunha conexión deficiente. Un dato "enganoso", porque de incluír a aquelas persoas que directamente non contan con conexión "a porcentaxe sería moito maior", como sinalou o presidente da ANPAS Galegas, Fernando Lacaci.

Por último, e non menos preocupante polo que representa de carga simbólica, tamén se pon de manifesto neste estudo o papel castelanizador que ten o ensino na poboación infantil e xuvenil. Lonxe de que o rural, un territorio no que a maior parte da poboación adulta aínda é galego falante, sexa un reduto de resistencia fronte á castelanización xeral da poboación, na enquisa arróxanse datos para a alarma, e que son froito claramente das políticas desgaleguizadoras do PP na Xunta de Galiza.

A preguntas sobre o uso do galego na aula, no recreo e fóra do centro apréciase que a porcentaxe do alumnado que non fala galego nada ou só o fala algo vai en aumento a medida queo nivel de estudos, e polo tanto a idade, se incrementa, e diminúe, consecuentemente, a de quen o fala bastante ou moito. Dun 78% que o falan na aula de educación infantil, fano un 18% no caso de bacharelato. Os datos doestudantado que o fala en ámbitos extraescolares son máis extremos, pasando do 45% en infantil ao 5% en bacharelato.

Isto demostra que, aínda que a percepción maioritaria das familias é que o profesorado se implica e emprega de forma maioritaria o galego tanto nas clases como fóra delas, cos condicionantes que ten o Decreto do Plurilingüismo, cómpre un plan normalizador para reverter a deriva de perda de falantes e de competencia no noso idioma ao rematar a ensinanza obrigatoria que demostran todos os indicadores.

Os resultados desta enquisa son, para a CIG-Ensino, outro exemplo máis, como os do estudo que vén de presentar a Mesa pola Normalización Lingüística (no que se puxo de manifesto que o español ten garantido o 40,62% das horas lectivas, fronte ao 22,65% do galego e o 12,5% doutras linguas nos centros que teñen Edixgal), de que é necesario derrogar o actual Decreto e potenciar o uso do galego no ensinoen todas as etapas educativas, prestixiándoo nas materias científicas e tecnolóxicas, nos recursos dixitais etc, así como noutras áreas vinculadas ao ocio, ao lecer e ao uso das redes sociais entre a poboación máis nova. Todo o contrario do que está a realizar a actual Xunta coa súa política lingüicida e que se demostra tamén na análise realizada por ANPAS Galegas.

 

O 98,5% das familias consideran necesario un Plan Específico para o Ensino no rural

Con esta conclusión pechouse a xornada de debate en Rábade e a CIG-Ensino non pode estar máis de acordo con que este debe ser un obxectivo fundamental, como así o leva incluíndo no seu programa electoral nos últimos anos. Fronte ao peche de unidades e de escolas, é preciso potenciar as posibilidades que teñen os centros educativos no rural e eliminar as desigualdades existentes entre o alumnado dependendo do territorio onde naza. A actual crise demográfica pode aproveitarse para facer destes centros un modelo de ensino atractivo e que fixe poboación, un modelo que xa existe por exemplo nos CRAs pero que pasa pola dotación de recursos e persoal docente. Galiza pode ser un referente educativo, no que se garanta a formación de persoas en valores, competencias e identidade cultural, sen nada que envexar a outros territorios, e máis nun contexto como o rural no que se pode apostar máis ca nunca por unha atención personalizada e polo traballo cooperativo e por proxectos vinculados ao territorio e conectados coa súa poboación e tecido social e produtivo. É só cuestión de vontade política, a que desde hai anos non teñen os responsábeis da Consellaría de Educación que, coas súas actuación, van totalmente na dirección contraria, a de deixar esmorecer boa parte do país, no educativo, no económico, no social e no cultural.