A conselleira de Educación abre a porta a fixar ratios de máis de 20 alumnos por aula
A CIG-Ensino vén de amosar a súa preocupación despois de que a titular da Consellaría de Educación fixese público un comunicado unha vez rematada a reunión das responsábeis educativas das comunidades autónomas co equipo ministerial na Conferencia Sectorial do xoves 11 de xuño “xa que fan saltar todas as alarmas sobre as intencións da Xunta a respecto da incorporación do alumnado e o do persoal dos centros educativos para o curso 2020/21”.
Concretamente, Carmen Pomar apuntou que manter unhas ratios que non superasen os 20 alumnos/as por aula representaría “unha ruptura” dos grupos establecidos. Estas declaracións son contrarias mesmo ás recomendacións de institucións internacionais que sitúan as ratios elevadas como un dos principais problemas dos sistemas educativos.
“O que está detrás desta afirmación da conselleira non é nin máis nin menos que a folla de ruta fixada polo presidente da Xunta, ao ter afirmado na reunión das presidencias autonómicas co presidente do Goberno español que prefería derivar os fondos para educación a outros fins nunha clara mostra do desinterese da Xunta polo ensino en xeral e polo público en particular”.
Dende a CIG-Ensino consideran que a intención da Xunta quedou clara, “por se había algunha dúbida”: limitar ao mínimo o investimento educativo, relegando novamente o ensino público da axenda do actual Goberno galego.
Falta de responsabilidade dos gobernos
Ao mesmo tempo, sinalan que na reunión evidenciouse é que a educación non atopa nos diferentes Gobernos, español e galego, quen se faga cargo realmente de acometer as medidas e reformas necesarias para iniciar o curso con garantías e coas melloras que se precisan.
“O MEFP négase a modificar, mesmo con carácter transitorio, as ratios máximas fixadas na Lei, algo que é exclusivamente da súa competencia. Cabe preguntarse por que se as actuais ratios máximas (25 en infantil e primaria, 30 na ESO e 35 no Bacharelato) son responsabilidade do Ministerio, non se fixan unhas ratios máis baixas con carácter legal, como sería o lóxico”.
Consideran que que o MEFP se escuse a respecto das competencias autonómicas “non é de recibo”, así como que esa falta de decisión por parte de Madrid non pode servirlle de escusa á Xunta: nada impide que o Goberno galego decrete unhas ratios inferiores con carácter extraordinario.
“Que se encontra encantada con que o resultado da reunión ministerial sexan simples recomendacións é a Xunta que xa afirmou que lle sobra co que figura no RD-Lei 21/2020, norma que no ámbito educativo deixa unha ampla marxe para decisións que nada teñan que ver coa seguridade do noso alumnado e do profesorado”.
Artículo 9. Centros docentes.
Las administraciones educativas deberán asegurar el cumplimiento por los titulares de los centros docentes, públicos o privados, que impartan las enseñanzas contempladas en el artículo 3 de la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación, de las normas de desinfección, prevención y acondicionamiento de los citados centros que aquellas establezcan.
En cualquier caso, deberá asegurarse la adopción de las medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeraciones y garantizar que se mantenga una distancia de seguridad de, al menos, 1,5 metros. Cuando no sea posible mantener dicha distancia de seguridad, se observarán las medidas de higiene adecuadas para prevenir los riesgos de contagio.
O texto legal abre a porta a que a Xunta “pretenda seguir a senda marcada por outros gobernos reaccionarios como o andaluz ou o madrileño, que xa afirmaron que non pensan contratar máis profesorado nin reducir o alumnado nas aulas, promovendo a idea do retorno á 'anterior normalidade' como se nada acontecese. Lembremos que esa vella normalidade é a dunha década de recortes de dereitos para o profesorado, de redución orzamentaria da Consellaría de educación, de ratios avultadas e peche de unidades”.
Á espera de novas da Consellaría
Tamén denuncian que, seguindo coa estratexia fixada polo presidente da Xunta de agocharse tras as actuacións do Goberno central, a Consellaría de Educación non fixo absolutamente nada até o día de hoxe á hora de debater ou programar a reincorporación ás aulas no próximo curso escolar.
“As propias declaracións da conselleira evidencian que pretenden manterse na situación cómoda de agardar acontecementos. Chama a atención que agora se diga que os cartos enviados desde Madrid poden ser insuficientes para poder contratar máis docentes ou reducir ratios poucos días despois de que a Feijóo lle sobrase todo canto lle puidesen entregar para ese cometido”.
A CIG-Ensino denuncia, por tanto, a inacción da Consellaría e exixe que negocien todas as condicións para o inicio do curso escolar. Esa negociación, desde o punto de vista do sindicato, debe centrarse en varios eixes fundamentais:
-Medidas estruturais para que o sistema educativo afronte a incerteza do curso 2020/21.
-Medidas laborais para que o profesorado realice o seu traballo con todas as garantías e dereitos.
-Medidas sanitarias, máis alá das cuestións puntuais que se incluíron no protocolo para o final de curso.
-Medidas sociais para paliar os importantes desequilibrios detectados nestes meses.
Sosteñen que hai aspectos que deben ser negociados na Mesa Sectorial e que afectan directamente a obrigas e dereitos do profesorado mais tamén hai outras cuestións que van máis alá do ámbito sindical e que, un goberno minimamente democrático e sensíbel ás preocupacións e necesidades da educación, debera debater e negociar co conxunto da representación da comunidade educativa, con todas as organizacións políticas e con outras administracións como a local, que tamén poden ter un papel importante na resposta á crise sanitaria e social no curso próximo.
“Moito nos tememos que o tacticismo electoral de Feijóo e a primacía dunha visión do investimento educativo como un gasto e non unha aposta de futuro que encarna perfectamente o liberalismo a ultranza do PP nos conduzan a vellas receitas que non busquen mellorar a educación pública e afrontar con decisión e esforzo orzamentario o curso 2020/21. Disto tamén vai a cita nas urnas do 12 de xullo”.