CIG-Ensino amosa a súa posición crítica coas propostas de reforma da carreira profesional do PDI universitario
A CIG, como sindicato máis representativo, participou este luns na xuntanza co ministro de Universidades, Manuel Castells, para debater unha modificación da Lei Orgánica de Universidades e o Estatuto do Persoal Docente e Investigador. Ambos documentos (o Borrador do Anteproxecto de Lei polo que se modificaría a Lei Orgánica 6/2001 e o Borrador de Real Decreto do Estatuto do PDI universitario) poden consultarse nesta ligazón.
Logo da xuntanza a CIG-Ensino fai as seguintes consideracións a repecto dos dous textos que se someteron ao seu coñecemento:
- É preciso un debate demorado e que atenda aos problemas reais. Os textos deben ser obxecto dunha verdadeira negociación no seo da mesa de negociación de Universidades, pendente de constitución, que permita un debate demorado e profundo dunhas normas que deberían abordar os problemas reais do PDI universitario. Non se acompañan dunha memoria económica para coñecer o impacto orzamentario previsto.
- Os problemas principais do PDI, ausentes. Os principais problemas do persoal docente das universidades: precariedade, envellecemento do cadro de persoal e hiper-burocratización, non se abordan nos textos, nin se aportan medidas que poidan solucionalos.
- Incídese nunha carreira de dobre vía, con duplicidade total nas categorías, mesmo até o tramo final da carreira profesional, coa creación de cátedras de profesorado contratado laboral. Non se entende a aposta por unha dobre carreira laboral e funcionarial idéntica nas funcións, acreditacións, salarios e categorías. Que busca fomentar o Ministerio con esta dobre vía? Competencialmente ademais esta aposta é innecesaria porque xa a LOU habilita ás Comunidades Autónomas para poñela en marcha, como fixeron Euskadi e Cataluña. En cambio, a CIG-Ensino sinalou que sorprende que o Ministerio non aborde a regulación de profesorado que si que é competencia central como acontece co profesorado colaborador-titor da UNED.
- Unha carreira profesional truncada. A desaparición das categorías de profesorado das fases iniciais da carreira académica (Axudantes, Axudantes Doutores) supón ignorar a precariedade como un dos principais rasgos da universidade actual. Non entendemos cal ou cales van ser as figuras de tránsito entre os contratos predoutorais e as figuras de estabilización que son as únicas previstas. En todo caso, a CIG-Ensino entende que se deben regular previsións transitorias para o profesorado actualmente acreditado ás distintas figuras laborais.
- O texto introduce unha obriga de desvinculación de 9 meses, cunha estadía desa duración noutra universidade do Estado ou estranxeira. Esta desvinculación nunha figura laboral que implica un certo grao de madurez académica consideramos que non se introduce no momento profesional idóneo para conseguir eses obxectivos, que pode formular problemas de conciliación e que o feito de esixilo nun contrato de duración de 3 anos pode levar ao desuso da figura polas universidades polos custes que supón. A necesidade de acreditar períodos longos de estadía no estranxeiro ou noutra universidade diferente debe ser un requisito de acceso ligado sobre todo aos momentos iniciais da carreira académica e non a momentos máis avanzados.
- Non existe unha proposta de carreira profesional horizontal. Sorprende igualmente que a reclamada carreira profesional, que implicaría a existencia de graos de evolución dentro dun mesmo corpo ou categoría, e a súa regulación económica non figuren nos textos. A CIG aposta por un corpo único de profesorado doutor con graos que configuren unha carreira profesional estimulando o esforzo e premiando os resultados.
- Non se regulan as incompatibilidades. Debería regularse de forma máis detallada o réxime de incompatibilidades evitando incentivar a precarización do emprego abrindo resquicios á compatibilidade a varios empregos parciais en diversas universidades públicas ou nalgunha privada.
- Non se afronta a homologación dos corpos universitarios. Deben homologarse os niveisprofesionais do PDI a outroscorpos da Administración con parecida cualificación, subindo o dos Titulares de Universidade a nivel 28 e o de Catedráticos a nivel 30.
- Introdúcese unha figura, Profesorado Extraordinario, exenta do requisito de concurso público para o acceso á docencia. A omisión da obriga de concurso público para a figura do Profesorado Extraordinario pode ser moi problemática en termos de transparencia.
- A proposta de contratación transitoria de profesorado sen doutoramento non dá solución aos problemas existentes. O documento parte, como principio reitor, da contratación de PDI exclusivamente con titulación de doutoramento e abre a porta a unha transitoriedade de tres anos.A regulación dunha figura transitoria de contratado non doutor durante os tres primeiros anos tras a aprobación das normas máis que dar saída a situacións enquistadas: falso profesorado asociado, contratos de interinidade… para as que se deben prever soluciones específicas e claras, pode dar lugar á proliferación de novos nichos de precariedade.
- A conciliación como dereito non se garante na proposta ministerial.É fundamental que a conciliación da vida laboral e familiar estea incluída na lista de dereitos do PDI. Tamén que o seu goce se promova activamente a través de medidas que protexan o PDI contra situacións de vulnerabilidade. Na práctica, predomina o principio de xerarquía e antigüidade e dificulta o acceso ao goce dos dereitos para as categorías profesionais máis precarias.
- Mantense a rixidez na carreira profesional. Os pasos na carreira profesional estabelécense de novo cun prazo e uns requisitos mínimos moi ríxidos. É necesario estabelecer medidas de flexibilidade, especialmente nos primeiros pasos, que determinen que a maternidade ou a paternidade non danan o progreso académico. É especialmente importante incorporar a perspectiva de xénero na definición da figura do profesorado/médico para quen se prevén moitos requisitos de desempeño (estadías, avaliación despois de tres anos) e unha duración máxima, sen prever a incidencia de interrupcións. É preciso prever extensións relevantes (12/18 meses por fillo ou filla) para os distintos fitos ou prazos establecidos.
- Precísanse máis dereitos para as interrupcións da carreira profesional derivadas da conciliación. O establecemento de réximes de dedicación (horas lectivas e non lectivas) debe incorporar a incidencia de interrupcións por maternidade / paternidade ou outras baixas relacionadas con tarefas de coidado. É necesario estabelecer reducións da carga docente polo menos no semestre de incorporación despois de gozar do permiso de acordo co exemplo dalgunhas universidades españolas. Isto permitiría evitar prácticas como a concentración da carga docente no semestre de incorporación e aliviaría a incidencia de interrupcións de carreira no desempeño da investigación. Ademais, é necesario promover a substitución do persoal por baixa por maternidade ou paternidade, que actualmente é unha práctica case inexistente nas universidades.
- Debe garantirse un reparto equilibrado da carga docente. No caso do PDI a tempo parcial, é fundamental establecer unha distribución equilibrada da carga docente que impida a súa concentración en determinados períodos. Isto determina que a carga de traballo non se corresponde coa establecida no contrato e dificulta a conciliación da vida laboral e familiar.
- A acreditación debe mellorar e atender ádiversidadenacarreira profesional. Os procesos e criterios de acreditación deben deseñarse de forma que non castiguen traxectorias de investigación interdisciplinares.
Consulta a proposta da carreira profesional do Ministerio na web da CIG-Ensino.