CIG-Ensino advirte que a Consellaría prepara unha redución importante de postos de traballo
A escasas horas para que remate o prazo no que as xefaturas de Inspección deben contar coas propostas das diferentes inspectoras e inspectores para decidir que prazas se ofertan ao corpo de mestres para os centros de Infantil, Primaria e Educación Especial, "non existe ningún documento compartido coas organizacións sindicais máis alá das xubilacións en cada provincia, tanto para mestras e mestres como para os corpos de secundaria (algo que nin sequera garante que se vaian cubrir)".
CIG-Ensino denuncia que esta dinámica de ocultación de información e contraste coa representación do persoal docente agrávase nas provincias nas que habitualmente se contaba cunha mellor interlocución coa Inspección, caso de Lugo e Ourense, e mantense co atraso habitual de provincias como A Coruña e Pontevedra, "nas que normalmente os prazos para coñecer as vacantes xa son de por si unha falta de respecto absoluto ao profesorado e a quen o representa".
Sen prazos nin intención de ter unha negociación real
As direccións dos centros de secundaria, tanto IES como das demais ensinanzas, teñen de prazo entre o 18 e 22 de xullo para cargar as vacantes e estas non se negocian coas Xuntas de Persoal, o que imposibilita un control sobre os recortes e o perfil das prazas.
A Inspección, explica a CIG-Ensino, é quen se encarga de facer ese traballo no caso de Infantil e Primaria "e neste momento non se ten ningunha información máis alá do anuncio persoal de supresión a algúns docentes e da negativa a aumentar aulas e profesorado en centros nos que a matrícula así o marca". As reunións que en cada dirección territorial se teñen que manter convértense, deste xeito, "nunha farsa dada a imposibilidade real, por prazos e por capacidade de contrastar a información cos centros".
As ratios en Infantil e Primaria, un conto
A CIG-Ensino advirte que a decisión da Consellaría de limitar os agrupamentos de aulas de diferentes niveis a 14 alumnos e alumnas de Infantil, nun novo exemplo da farsa que implicou o 'acordo das renuncias', "non obedece a un capricho nin a unha interpretación da Administración. Actúan igual que fixeron no ano 2009, cando todas as organizacións sindicais, agás a CIG-Ensino, aceptaron o abrazo do oso dun acordo de agrupamentos ideado naquela altura para pechar aulas. Así foi daquela: aplicouse nun curso para pechar e cando tocaba aplicar os desdobres de aulas, deixouse sen efecto o acordo".
Neste 2024, a estratexia non muda no substancial: executan como lles parece o que asinaron. A razón sería evitar por todos os medios que haxa que dispoñer de máis aulas e, por tanto, de docentes en centros de Infantil e Primaria. Unha decisión moi grave se se ten en conta que non responde en ningún caso a limitacións de espazo físico nos centros. "Esa é a consigna para estes centros e de aí que se atrase dun xeito impresentábel a comunicación de vacantes e a reunión coas Xuntas de Persoal", critican.
Menos docentes en Secundaria
Neste mes de xullo son constantes as comunicacións de centros de Secundaria e outras ensinanzas diferentes de Primaria nas que se alerta da redución de postos de traballo, pola vía de reducir o “cupo docente” que se lle autoriza a cada centro. "Todo indica que a consigna da administración é levar o cumprimento do máximo de 20 horas lectivas ao límite, eliminado reducións autorizadas e reducir a oferta de optatividade todo o que se poida. Vímolo recentemente na redución da oferta das EOI (portugués ou chinés, por exemplo) e vémolo agora nos IES", subliña a CIG-Ensino.
E engade que mesmo en centros de FP que incrementarán oferta se está a anunciar que, malia esa ampliación de ciclos, non se incrementará profesorado.