CIG, ELA, LAB e Intersindical exixen a xubilación do persoal da Sanidade e sectores sociosanitarios aos 60 anos
Os sindicatos CIG, ELA, LAB e Intersindical compareceron esta mañá en rolda de prensa, ás portas do Congreso dos Deputados e Deputadas, para informar das reunións celebradas cos distintos grupos políticos, aos que solicitaron que condicionen o seu apoio aos próximos orzamentos, á aprobación do dereito á xubilación do persoal da Sanidade e dos sectores sociosanitarios aos 60 anos, tanto no sistema público como no privado.
Ademais, coincidindo con esta comparecencia delegados e delegadas da CIG dos distintos sectores atinxidos concentrábanse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en Compostela, para sumarse á exixencia que as organizacións sindicais vascas, catalá e galega presentaban en Madrid.
Por parte da CIG participaron nas xuntanzas a secretaria nacional de CIG-Servizos, Tránsito Fernández, a responsábel do sector Autonómico da CIG-Administración, Zeltia Burgos, e o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira.
A demanda de CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá, concrétase na petición ao goberno de que respecte, de maneira inmediata, o dereito das e os profesionais da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, a xubilarse aos 63 anos, sempre que teñan cotizado o tempo esixido, e que negocie os cambios legais necesarios para conseguir a xubilación ordinaria aos 60 anos durante esta lexislatura.
Neste sentido, demandan dos partidos políticos con representación en Madrid que, prioricen
este asunto e que, mostrando o seu claro compromiso con este persoal esencial para a sociedade, para a aprobación dos próximos orzamentos, condicionen os seus votos á aprobación deste dereito.
Así mesmo, exixen aos Gobernos e diferentes Administracións de Galiza, Euskal Herria e
Catalunya, que articulen mecanismos para facilitar a xubilación anticipada deste persoal ou
recuperen aqueles que foron recortados nos últimos anos como son as primas de xubilación
anticipada.
Nese sentido, na súa comparecencia, lembraron que a actual lexislación, en materia de Seguridade Social, recoñece o dereito á xubilación anticipada ás persoas traballadoras incluídas en calquera dos réximes da Seguridade Social aos 63 anos, sempre que teñan cotizados entre 38 e 44 anos e 6 meses e que a idade sexa inferior en dous anos, como máximo, á idade esixida que resulte de aplicación en cada caso.
Sen penalizacións
Pero a articulación dese dereito, implica a aplicación de porcentaxes de redución á contía da
pensión que poden alcanzar ata o 21% e que non é recuperable ao cumprir os 65 anos.
A Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social, prevé que a
idade mínima de 65 anos póidase rebaixar por Real Decreto para grupos ou actividades profesionais, categorías e especialidades cuxo traballo sexa de natureza penosa, tóxica ou perigosa. Tamén se terán en conta os efectos do traballo en quendas (penosidade por traballar en quendas de noite) e o esforzo físico para o desenvolvemento do traballo que se realiza.
Por iso reclaman a aplicación da Lei 40/2007 para o dereito á xubilación aos 63 anos, sen
penalización, este ano, para o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, incluídas en
calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social.
O que demandan é que o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios que teña os
períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, póidase xubilar
sen as penalizacións que marca a actual lexislación. E que ademais perciba o complemento de
xénero.
Esta medida só precisa, segundo explicaron, da aprobación dun Real Decreto en base á Lei 40/2007 polo que as Organizacións sindicais CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá solicitaremos reunirnos coas organizacións políticas presentes no parlamento español para solicitar os apoios necesarios para a súa aprobación. “Á vista da actual aritmética parlamentaria, os seus votos son decisivos e é por iso que, de cara á aprobación dos próximos orzamentos, esiximos que prioricen este tema”.
Tamén instan ao goberno a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60
anos do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, do ámbito público e privado, e a que non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que
dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.
Cadros de persoal avellentados
Lembraron que “estamos diante de cadros de persoal cunha media de idade moi alta (máis de 50 anos) e cunhas condicións penosas no desempeño. Condicións que, como consecuencia das políticas de recortes, privatización e desmantelamento dos servizos públicos aplicadas os últimos anos, fan imprescindible a articulación deste dereito”.
Denunciaron que a situación actual de falta de profesionais na sanidade e nos sectores sociosanitarios “é consecuencia da planificación sanitaria realizada durante os últimos 10 anos”. Unha planificación baseada en “recortar persoal, suprimir postos de traballo e adelgazar e privatizar os servizos públicos, poñendo en cuestión o dereito da sociedade a unha prestación de calidade”.
Por iso CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá instaron tamén a que durante esta
Lexislatura se abra un proceso negociador para a modificación da Lei 40/2007, para que o persoal comprendido neste ámbito de aplicación poida acceder á xubilación cando cumpra os 60 anos, e teña 35 anos cotizados.