CIG, ELA e Intersindical din “non” á reforma das pensións, que “consolida os recortes de 2011 e dá novos pasos nesa dirección"
ELA, CIG e La Intersindical, organizacións sindicais de Euskal Herria, Galiza e Catalunya veñen de manifestar, en rolda de prensa o seu rexeitamento á reforma das pensións aprobada polo Goberno español por Real Decreto Lei. Os respectivos secretarios xerais, Paulo Carril, Mitxel Lacuntza e Sergi Perelló anunciaron ademais a convocatoria de mobilizacións, de xeito coordinado, nos respectivos territorios: o 29 de marzo en Galiza, o 4 e o 20 de abril en Euskal Herria e o 30 de marzo en Catalunya e fixeron un chamamento aos partidos políticos a que rexeiten os recortes e se comprometan en non dar por boa ningunha reforma que non recolla estas medidas.
- A reforma si contén recortes
Preténdese construír un discurso hexemónico sobre a reforma, sinalando en primeiro lugar que non contén recortes. Isto é falso. Recórtanse as pensións que van cobrar as persoas menores de 50 anos, ao pasar de calcular a contía das novas pensións cos últimos 25 anos a calculala con 29 (eliminando 24 meses), tras un período transitorio.
Negar este recorte é faltar á verdade. Hai que ter en conta, ademais, que esta medida supón profundar nun proceso de aumento progresivo do número de anos que se teñen en conta, no que os 29 anos non son o escenario final, do mesmo xeito que non o son os 25 actuais nin os 15 que existían en 2011 ou os 8 anteriores.
- A reforma abre a vía a recortes no curto prazo
Outra das grandes mentiras da reforma é que se garante o sistema a longo prazo. Porén, a realidade é que o acordado mostra que en marzo de 2025, e despois cada 3 anos, se dá a potestade á AIReF, axencia neoliberal que presidiu no seu día o Ministro Escrivá, para avaliar a situación do sistema de pensións e propor medidas, que sen dúbida van ser a base de recortes futuros.
- Non se dá marcha atrás en ningunha medida de recorte da reforma de 2011
En 2011 Zapatero acordou con CCOO, UGT e a CEOE un forte recorte das pensións: pasar a idade de xubilación de 65 a 67 anos; pasar de ter en conta 15 anos para o cálculo da pensión a ter en conta 25; recorte das xubilacións anticipadas. A un goberno progresista débeselle exixir dar marcha atrás nos recortes de dereitos aprobados polos gobernos anteriores. Con todo, nada diso se formula nesta reforma. A idade de xubilación non se toca. A xubilación anticipada empeorouse na reforma de 2021. E non só non se volve de 25 a 15 anos para calcular a pensión, senón que se pasa de 25 a 29.
- As pensións mínimas seguen a estar por baixo da liña da pobreza
Outro dos temas en que a propaganda está a substituír á realidade é no que fai referencia ás pensións mínimas. Aínda que é certo que se acordou unha mellora progresiva durante 4 anos, é evidente que esta mellora é moi cativa, e que apenas se vai notar neste catro anos. Ademais, aínda que marcaron nos medios de comunicación a referencia dos 1.200 euros, fáltase absolutamente á verdade, xa que moitas pensións mínimas estarían hoxe -de aplicar os criterios acordados para 2027- por baixo dos 900 euros, e mesmo por baixo dos 800.
- A fenda de xénero perpetúase
As medidas para reducir a diferenza existente entre as pensións das mulleres e as dos homes son apenas imperceptíbeis. Mesmo se pode sinalar que medidas como pasar de 25 a 29 anos para calcular a pensión prexudican máis as mulleres que os homes.
- Unha reforma tutelada pola UE e que non se corresponde cos tempos actuais
A Comisión Europea, órgano non elixido democraticamente, avalou a reforma do sistema de pensións aprobado polo Goberno de coalición español do PSOE e Unidas Podemos. Unha aprobación que a Comisión Europea fixara como condición para que o Estado español recibise o terceiro desembolso de 9.000 millóns de euros do total de 70.000€ en concepto de subvencións vinculadas ao fondo Next Generation para o trienio 2021-2023.
A reforma do sistema público de pensións non deriva dun debate democrático aberto a todos os axentes sociais, porque se aproba a través dun decreto lei (a pesar da transcendencia social da medida) e porque é froito da extorsión do órgano de goberno da Unión Europea.
- Unha reforma de pensións regresiva que afonda na privatización do sistema público
A reforma de pensións é regresiva, e enmárcase nunha formulación na que se están impulsando os plans privados de pensións, como fixo o goberno de Pedro Sánchez en xullo de 2022, aprobando os denominados Plans de Pensións de Emprego, que consisten na promoción -mediante a negociación colectiva- de plans de pensións privados en cada sector, xestionados por entidades financeiras ou aseguradoras, e que pretenden utilizar para avanzar na estatalización da negociación colectiva.
Por todo iso ELA, CIG e La Intersindical decidimos impulsar unha dinámica de mobilización propia nos nosos territorios, para rexeitarmos esta reforma e exixirmos a xubilación aos 65 anos, que se teñan en conta 15 anos para calcular a pensión e se aprobe por lei de forma inmediata unhapensión mínima de 1.260 euros, que é aproximadamente o importe equivalente ao 60% do salario medio, tal como recomenda a Carta Social Europea.
Facemos un chamamento aos partidos políticos a que rexeiten os recortes e se comprometan en non dar por boa ningunha reforma que non recolla estas medidas.
Esta dinámica vai ter diferentes fitos, que van ser: o 29 de marzo en Galiza, o 4 e o 20 de abril en Euskal Herria e o 30 de marzo en Catalunya.