CIG, ELA e Intersindical concéntranse ante o Ministerio de Traballo para esixir a derrogación das reformas laborais
ELA, CIG e Intersindical concentráronse esta mañá ante a sede do Ministerio de Traballo para reclamar á ministra, Yolanda Díaz, a inmediata derrogación das reformas laborais. Os secretarios xerais de ELA, Mitxel Lakuntza, a CIG, Paulo Carril, e a Intersindical de Catalunya, Sergi Perelló, que encabezaban a mobilización, denunciaron ademais a negativa da titular do Ministerio a recibilos.
As organizacións sindicais acordaron realizar esta protesta en Madrid ante o inmobilismo do Ministerio, que segue sen dar paso ningún para abolir as reformas laborais impostas, primeiro polo PSOE e, posteriormente, polo PP.
Unha derrogación que Lakuntza, Carril e Perelló consideraron imprescindíbel para impedir os despedimentos colectivos que xa se están a producir sen que as empresas precisen de autorización administrativa ningunha. Esta derrogación deberá contar tamén co apoio dos grupos políticos que viñeron sostendo o Goberno de Sánchez e dos partidos soberanistas de Euskal Herria, Galiza e Catalunya. Por iso, ELA, CIG e Intersindical interpélanos para que exerzan un labor activo en defensa da clase traballadora.
Os secretarios xerais alertaron do perigo de que, unha vez que se poña fin aos ERTE, estes se convertan en ERE aproveitando a lexislación laboral en vigor, e responsabilizaron de cada un dos despedimentos actuais ou dos que se poidan producir, tanto á ministra de Traballo como ao goberno Sánchez no seu conxunto.
Respecto do diálogo e a concertación social, consideraron que non é a vía para solucionar a grave situación. Denunciaron o seu carácter antidemocrático e alertaron de que o que pretende é a domesticación e desmobilización da clase traballadora. Ademais, ese pretendido consenso outorga dereito de veto á patronal á hora de derrogar as reformas laborais, o que converte o diálogo social nun marco estéril e prexudicial para a clase traballadora.
Xunto a isto reclamaron o dereito a decidir nas súas respectivas nacións o modelo de relacións laborais, pensións e protección social para mellorar as condicións salariais e as condicións de traballo. Por iso, rexeitaron o actual modelo de estatalización da negociación colectiva que impón desde Madrid unhas condicións moi precarias sen respectar as maiorías sindicais de Euskal Herria, Galiza e Catalunya.
Un modelo que, denunciaron, provocou unha maior precarización e empobrecemento da clase traballadora, ao dar prioridade aos convenios estatais sobre os provinciais e deteriorar os convenios sectoriais e de empresa.
Por iso reclamaron que se acabe cun modelo que non só afasta a negociación colectiva das traballadoras e traballadores, senón que tamén impide a participación dos sindicatos que democraticamente os representan para pechar acordos sobre as condicións de traballo en calquera sector.
Axenda social
Lakuntza, Carril e Perelló demandaron ademais unha axenda social para que, entre outras cuestións, se articule un sistema de protección social forte (con reforzo do sistema público de pensións), unha fiscalidade progresiva e un tecido produtivo sustentábel, con salarios e condicións laborais dignas. Cuestións que consideraron urxentes nun momento como o actual no que, por causa da pandemia, se produciu un aínda maior empobrecemento da clase traballadora.