CIG, ELA, CCOO e CSIF anuncian un calendario de concentracións na Seguridade Social
CIG. ELA, CCOO e CSIF veñen de anunciar un calendario de mobilizacións en todo o Estado español nos centros de traballo da Seguridade Social, os venres de 11:00 a 11:30 horas, a partir do día 13 de setembro. Advirten de que se o Secretario de Estado da Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez Corujo, persiste “na súa actitude de non cumprir o asinado por el mesmo o 16 de maio de 2023”, veranse “forzados a adoptar simultaneamente calquera medida de acción sindical”, sen descartar paros parciais e folga.
Denuncian, en concreto, o incumprimento sistemático, por parte do Secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez Corujo, do Acordo que el mesmo asinou o pasado 16 de maio de 2023, por extensión do incumprido anteriormente de data 29 de novembro de 2018, polo que se estabelecen as condicións iniciais para a implantación dun plan estratéxico de recursos humanos na Administración da Seguridade Social.
CIG, ELA, CCOO e CSIF representan o 68,68% do persoal público da Administración Xeral do Estado. Denuncian as difíciles condicións en que ten que realizar o seu traballo o cadro de persoal da Seguridade Social, persoal funcionario e persoal laboral, soportando un incremento permanente das cargas de traballo, dificultades por constantes modificacións normativas e novidades na xestión telemática e organizativa. Un persoal que nestas difíciles condicións realiza o mellor servizo público que pode prestar, con responsabilidade, pero sen ser agradecido nin recoñecido.
Centran as súas reivindicacións e exixencias con carácter prioritario en:
- Ordenación de recursos humanos: reorganización e actualización das relacións de postos de traballo, con identificación de áreas funcionais e de postos con traballo a distancia e/ou con lingua cooficial propia, que permita unha estrutura adaptada á realidade actual.
- Produtividades: revisión do modelo e repartición íntegra do orzamento existente, sen excepción e linealmente aos niveis 22 e inferiores, evitando que parte da masa salarial do persoal se continúe devolvendo a Facenda ano tras ano; a modificación da resolución de produtividade afectando a todo o persoal e que actualmente discrimina a persoal destinado nas Unidades de Recadación Executiva respecto da penalización por razóns de enfermidade xustificada por baixa médica; situación que debe ser revisada cara ao conxunto do persoal que presta servizos na Seguridade Social. Efectos destas medidas desde o ano 2023.
- Provisión de postos: convocatoria con carácter de urxencia dun macro-concurso para a cobertura da totalidade de postos de traballo vacantes ou con ocupación provisional afectando os niveis 22 e inferiores, antes da resolución de calquera Oferta de Emprego Público, priorizando a promoción interna ante a oferta libre. Estabilidade nas bases de convocatoria orientando este cara ao concurso aberto e permanente, situación que facilitaría a redistribución do persoal nos postos vacantes que se suceden coas xubilacións e que abocan a que haxa oficinas que queden practicamente baleiras.
- Traballo a distancia con carácter voluntario: a prestación de servizos nesta modalidade de organización do traballo durante dous días semanais en todas as Entidades Xestoras e Servizos Comúns da Seguridade Social, con vocación de ir ampliando os días a tres ou máis semanais, en liña co modelo implantado para o resto de persoal dependente do Ministerio e do resto de Departamentos Ministeriais onde se asumen funcións de igual ou similar características.
- Revisión de complementos específicos e retribucións ligadas ao cargo: dirixido á totalidade do cadro de persoal sen excepción, que reflictan a realidade actual da xestión da Administración da Seguridade Social, para adecuar as características de cada posto á responsabilidade que realmente levan e asumen a diario.
- Estabilidade no emprego: a cobertura definitiva das prazas ocupadas provisionalmente polos procedementos legalmente estabelecidos, cumprindo cos compromisos da Unión Europea en canto a redución da temporalidade no Sector Público até un máximo do 8% do cadro de persoal (prazo xa expirado e actualmente cifrado en máis dun 20%), cuxo incumprimento leva consigo penalizar economicamente as subvencións recibidas desde a UE; creación de Bolsas de traballo específicas no ámbito da Administración da Seguridade Social, para acceder a un sistema con todas as garantías e aproveitamento duns coñecementos mínimos da estrutura e tarefas a desempeñar dentro das Entidades Xestoras e Servizos Comúns da Seguridade Social.
Seguen exixindo:
- Resto de materias recollidas no Acordo do 16 de maio de 2023: revisión profunda da Circular de Acción Social, recuperación do proxecto de Escola de Formación e implantación de itinerarios formativos conforme as directrices e recomendacións do INAP e Función Pública, creación dos Comités de Seguridade e Saúde provinciais e reverter a política en materia de prevención, convocatoria do Grupo de traballo de responsabilidade social, plans de Igualdade e revisión de protocolos de actuación, e demandas do Persoal fóra do convenio no ámbito sanitario dependente do Instituto Social da Mariña e do IMSERSO.
Desde CSIF, CCOO, CIG e ELA entenden que o incumprimento do Acordo aboca á Seguridade Social a realizar traballo en cantidade, sen os medios e organización necesarios. Estes sindicatos avogan por que a Seguridade Social preste un servizo público eficiente e unha atención á cidadanía de calidade e, por iso, inician estas mobilizacións até que o Secretario de Estado da Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez Corujo, cumpra o Acordo que el mesmo asinou.