CIG e veciñanza de Monterroso manifestan o rexeitamento á privatización do servizo de axuda no fogar
A CIG e veciños e veciñas de Monterroso volvéronse concentrar na tarde deste martes en rexeitamento á decisión do goberno municipal de privatizar o servizo de axuda a domicilio. A protesta convocouse con motivo da celebración do pleno municipal no que se ían tratar mocións a este respecto, aínda finalmente a sesión foi suspendida .
A CIG continuará a defender a xestión directa dun servizo esencial como a axuda a domicilio, que nesta pandemia se ten evidenciado tan necesario. "A súa privatización vai saír máis cara e suporá empeorar tanto a calidade na atención como nas condicións laborais das traballadoras, pois está claro que o a prioridade dunha empresa non é prestar un servizo de calidade senón obter o maior beneficio", advirte Lois Neto, secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña.
Neste senso, critica que dende o goberno local pretendan xustificar esta decisión amparándose en que moitos Concellos xa teñen privatizado o SAF. "É unha triste realidade que vén demostrar a precariedade laboral e o escaso valor que se lle dá aos traballos de coidados, cando son traballos esenciais", salienta Neto.
O secretario comarcal de Organización pon o acento na necesidade de dignificar e mellorar as condicións laborais, así como a atención que se presta a través dos SAF "que non van chegar a través da privatización dos servizos públicos".
Neto recalca que a CIG seguirá opoñéndose a que esta decisión do goberno municipal se faga efectiva "porque defendemos os servizos públicos, e defendemos que os servizos de atención ás persoas non poden estar xestionado nunha lóxica comercial de beneficio empresarial". Xunto a isto, adianta que, no caso de materializarse, "dende a CIG actuaremos tamén na defensa da continuidade dos postos de traballo".
Sistema público de atención ás persoas
Medidas como a que pretende levar adiante o Concello de Monterroso evidencian a pertinencia da Proposición non de Lei de Iniciativa Popular que a CIG ten en marcha “Por un Sistema Público de Atención ás Persoas”, e que se levará ao Parlamento de Galiza unha vez remate o proceso de recollida de sinaturas.
Con esta iniciativa a CIG demanda a creación dun sistema que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa etc. nunha rede única de xestión 100% pública, dotada tanto das infraestruturas como dos medios materiais e de recursos humanos necesarios, e cunhas condicións laborais dignas para o persoal.