Novafrigsa teima nas prácticas antisindicais perseguindo o persoal que vai na candidatura da CIG ás eleccións deste venres
Ameazas de despedimento, cambios de posto de traballo sen xustificación, presión na carga de traballo, despedimentos preventivos ou continuas visitas ás oficinas dos encargados e responsábeis son algunhas das prácticas antisindicais que Novafrigsa (Grupo Coren) está a aplicar contra as persoas que forman parte das candidaturas da CIG e da USTG.
Este venres, 9 de outubro, tras a suspensión por mor da alarma sanitaria e tras os procesos parciais previos, celebraranse eleccións para a renovación completa do comité no matadoiro de Novafrigsa, unha das empresas máis representativas na provincia de Lugo no sector da industria cárnica e que forma parte do grupo Coren.
Nestas eleccións escollerase un comité de 13 membros xa que despois da dura loita sindical levada a cabo polo persoal falso autónomo, a empresa tivo que incorporar a estes traballadoras e traballadoras ao seu cadro de persoal por sentenza xudicial, pasando así a contar con case 350 persoas de alta. Un conflito que, lembra o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López Carmona, segue aberto posto que, entre outras cuestións, Novafrigsa se nega a recoñecerlles a antigüidade real.
Chamadas sistemáticas para que desistan
Pero ademais de denegar dereitos laborais, a empresa tamén ten unha práctica antisindical obvia. Nos últimos meses, está chamando de maneira sistemática os traballadores e as traballadoras que participan nas listas da CIG e da USTG para que desistan de ir ou, de maneira alternativa, para que se sumen ás candidaturas amarelas do "grupo de traballadores", que, alerta López Carmona, están controladas pola empresa e das que forman parte persoas ás que lles unen mesmo vínculos familiares á empresa.
Por se non fora abondo, esta persecución tamén a reproducen os/as candidatos da lista amarela "que están a actuar a través dos encargados e adxuntos á dirección ameazando o persoal doutras candidaturas e, do mesmo xeito, empregando condutas claramente antisindicais e contrarias á defensa dos intereses do persoal", sublíñase nun comunicado conxunto.
Discriminación do persoal
De feito, o Grupo Independente de Traballadores/as é a única organización que dende que a empresa asumiu o persoal falso autónomo apoia o atraso no pagamento dos salarios, superando a devindicación para o pago mensual e discriminando o persoal de Lugo con respecto a outros centros do grupo. Feitos que foron denunciados pola CIG e a USTG nas reunións do comité.
Diante desta situación, ambas centrais sindicais esixen o cese inmediato desta persecución e denuncian a falsa imaxe "de gran familia" que vende o Grupo Coren, cando na práctica diaria vulnera os dereitos laborais e sindicais do seu persoal.