CIG e UGT denuncian a falla de negociación e a manipulación informativa en Medio Rural
CIG e UGT veñen de denunciar a falla de negociación e a manipulación informativa da Secretaría Xeral Técnica de Medio Rural. Aseguran que “non existe negociación nin proposta seria para a mellora das condicións de traballo das e dos axentes forestais e medioambientais da Galiza, que seguen a demandar horarios e salarios dignos e denunciamos a falsidade das declaracións feitas pola secretaria xeral da Consellería do Medio Rural”.
CIG e UGT amosan o seu desconcerto coas declaracións da secretaria xeral de Medio Rural publicadas nos medios de comunicación. Aseguran que “non se entende moi ben se a Consellería do Medio Rural ten un acordo diferente ao presentado as organizacións sindicais, ou se hai cousas que aínda non contaron e cóntanas na prensa pero non ás/aos representantes dos traballadores e traballadoras”.
Aclaran que a suba da que fala a secretaria xeral non debe de ser a mesma que remitiron ás centrais sindicais, porque a que se enviou fala dun aumento no número de meses de período extraordinario (é dicir quendas de gardas de 12 h), do 40%, “pretendendo que este persoal realice 192 horas ao mes durante seis meses, sen ter en conta os coeficientes de ampliación para horarios nocturnos e de fins de semana e festivos, sen ningún tipo de compensación”.
Exceso de traballo
Denuncian que “este tipo de horarios a quendas supón traballar un fins de semana, festivos e nocturnos de xeito case continuo, o que implica a imposibilidade de conciliar vida familiar e laboral”.
A este respecto explican que agora, cando un axente está traballando un quince de agosto exercendo a dirección de extinción en calquera monte de Galiza, está cobrando 17 euros por día, arriscando tanto a súa vida como a de todos os medios que participan na extinción e que están o seu cargo (bombeiros forestais, medios aéreos...) e a da cidadanía.
“A Xunta de Galiza di que vai facer agora un esforzo económico e oferta pagar 24 euros ao día, é dicir unha suba de 0,6 euros/hora, sexa domingo, sábado, luns, mañá, noite ou tarde, dá igual”, denuncian e engaden que “se nota que quen propón isto traballa de luns a venres, durme na súa cama todos os días e non nun coche, posto que non temos nin instalacións onde durmir e pasa os fins de semana coa familia ou senón é así, páganlle ben por non facelo, cousa da que, sinceramente, nós alegramos. Que outro corpo ou escala da Administración traballa a quendas de 12 horas de mañá, tarde, noites, fines de semana ou festivos a ese prezo (quendas os 365 días do ano)?”
Debido ao incremento de funcións asignadas nos últimos anos, proponse o recoñecemento dun incremento de niveis que implica unha suba de case 23 euros brutos ao mes no ano 2019 e outros case 23 euros ao mes no ano 2020.
Dignidade
Diante desta situación exixen ás/aos axentes medioambientais con dignidade ao igual que se debe facer co resto dos empregado e empregadas públicas da Xunta. “Non admitimos as gardas en alto risco por miserias e con exceso horario e pedimos que se lles equipare o resto de persoal funcionario da xunta con funcións similares e turnicidade”, afirman.
Xunto a isto rexeitan unha ampliación horaria e reiteran a necesidade urxente de ampliar o número de prazas para dar un servizo axeitado na conservación do patrimonio natural e forestal da Galiza.
Lembran que o pasado 24 de maio se manifestaron polas rúas de Composleta máis de 400 axentes para reclamar unhas condicións de traballo dignas, polo que instan a secretaria xeral de Medio Rural a que escoite os berros reclamando dignidade e non veña con mentiras de promesas económicas que pretendan xustificar ao fin, a explotación laboral”.