CIG e UGT denuncian a “deslealdade” de CCOO por rachar a unidade de acción na defensa da Universidade Pública Galega
As organizacións sindicais CIG e UGT veñen de emitir un comunicado dirixido a todas as organizacións que forman parte da PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DA UNIVERSIDADE PÚBLICA que, de seguido reproducimos:
No mércores 12 de xaneiro, tan só 24 horas despois das concentracións nos principais campus do país promovidas pola PLATAFORMA, CCOO, organización sindical que forma parte desta, colgou na súa web unha nova na que informa que promove o “asinamento dun acordo programático en defensa do Sistema Universitario Galego”. Na nova tamén se indica que o sindicato se tería dirixido non só ás organizacións con representación no actual Parlamento Galego senón tamén á CIG e a UGT, algo que resulta totalmente incerto.
Parécemos totalmente impresentábel e dunha falta de lealdade absoluta cara a Plataforma, na que estamos os dous sindicatos que asinamos o presente escrito mais tamén varias das organizacións políticas a quen se está dirixindo este sindicato, que CCOO rompa unilateralmente a unidade de acción que na loita contra a creación dunha universidade privada e na defensa da universidade pública adoptamos coa creación da Plataforma.
Como, se non, pode cualificarse que unha parte dunha Plataforma se dirixa publicamente a outras organizacións sindicais e políticas desa mesma Plataforma para unilateralmente trasladarlle unha proposta? Que base de entendemento pode existir cando se actúa deste xeito?
Descoñecemos se a intención de CCOO é desvincularse da Plataforma ou se se trata dun problema de descoordinación ou de protagonismos dentro da propia dirección do sindicato. Mais o dano que fan con esta iniciativa é claro: parecen indicar que dan por rematado o marco de unión que formamos o estudantado, organizacións sindicais e políticas así como outras entidades para unir forzas contra a intención da Xunta de aceptar a implantación dunha universidade privada no país .
Lamentamos profundamente a deslealdade de CCOO e instámolos a rectificar, retirando a súa proposta e, en todo caso, debatela onde corresponde ou a comunicar que se autoexclúen da unidade de acción social contra a privatización da universidade galega.
En Santiago de Compostela, a 14 de febreiro de 2020.
Organizacións que neste momento están adheridas á Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública:
CIG, UGT, CCOO, Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, Confederación ANPAS GALEGAS, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Grupo Común da Esquerda, Galiza Nova, BRIGA, Partido Comunista de Galicia (PCG), ANOVA, Compostela Aberta, Asemblea Aberta de estudantes de Ourense, Asemblea de Investigadoras de Compostela, Fronte de Estudantes, En Defensa das Humanidades (UVigo), Federación Rural Galega - FRUGA