CIG e UDC completan o acordo de suba salarial para todo o persoal do Capítulo VI fixando as condicións de aplicación

A Coruña - 30 Set 2024

Todo o persoal que percibe as súas retribucións con cargo ao capítulo VI dos orzamentos da Universidade da Coruña terá un incremento do 9,26% na nómina do mes de outubro. Esta suba corresponde aos incrementos dos anos 2022 (3.5%), 2023 (3.5%) e 2024 (2%) que a UDC non lle aboou a este persoal, seguindo un criterio aplicado polas tres universidades galegas, como na inmensa maioría das universidades do estado. Contra esa decisión, a CIG-Ensino presentou no seu día os correspondentes conflitos colectivos. No caso da USC e da UVigo están pendentes de revisión en casación polo Tribunal Supremo.

Na UDC a nova equipa reitoral chegou a un acordo de conciliación que se rexistrou na sala do social do TSXG. Na negociación pendente, para afrontar o pagamento dos atrasos, a UDC e o sindicato concretaron o pactado en sede xudicial, fixando un calendario para que, en función do tempo traballado desde xaneiro de 2022, todo o persoal perciba os atrasos correspondentes.

Estes son os criterios pactados:

  1. Suba salarial e actualización nas nóminas. Na nómina de outubro todo o persoal en activo que non tivo as subas correspondentes verá incrementadas as súas retribucións coa acumulación das subas destes tres anos, o que implica un aumento do 9,26% para quen traballase de xeito continuado desde xaneiro de 2022 a actualidade.
  2. Fin da discriminación e subas salariais para todo o persoal no futuro. No momento no que se produza a suba do 0,5% que se agarda a final de ano (con efectos desde xaneiro de 2024) e calquera outra suba que se produza no futuro, todo o persoal do Capítulo VI pasa a estar nas mesmas condicións que o do Capítulo I (PDI funcionario e laboral e PAS funcionario), aplicándose automaticamente todas as subas que se fixen nos orzamentos xerais do Estado, eliminado definitivamente unha discriminación que nunca se debería ter producido.
  3. Pago dos atrasos vinculados co acordo xudicial tras a denuncia da CIG.

Para o persoal con contrato:

  • En xaneiro de 2025 cobrarase un terzo dos atrasos das subas non percibidas entre xaneiro de 2022 e setembro de 2024
  • En xullo de 2025 percibirán outro terzo deses atrasos.
  • En xaneiro de 2026 complétase o pagamento dos atrasos vinculados co conflito colectivo promovido pola CIG.
  • O persoal que remate contrato antes de xaneiro de 2026 cobrará xunto coa súa liquidación o total dos atrasos correspondentes ao tempo traballado desde xaneiro de 2022 que aínda lle resten por cobrar.

Para o persoal que rematou contrato:

  • O persoal que xa non traballa na UDC e que traballou nalgún momento desde xaneiro de 2022 cobrará as contías ás que puidese ter dereito en función do tempo traballo previa solicitude á vicerreitoría de Investigación.