CIG e Intersindical Valenciana apostan pola mobilización para frear os ataques á clase traballadora
Unha delegación do secretariado da Intersindical Valenciana -formada por Beatriu Cardona, Pedro Rovira, Marc Candela, María Villar, Emilio Lamas, Clara Saborit, Paco González e Manel Àlamo- reuniuse co secretario xeral da CIG, Paulo Carril e o responsable de Relacións Internacionais, Xosé Los Rivera, a semana pasada en Valencia. Unha xuntanza na que ambas as organizacións sindicais analizaron a problemática que enfronta a clase traballadora e as posibles solucións.
No decurso da reunión abordaron cuestións relativas á reforma laboral, a guerra de Ucrania e o militarismo da OTAN ou a crítica situación que afronta o sector do automóbil. Unha situación fronte á que apostaron pola mobilización para frear a pretensión do capital de precarizar cada vez máis as condicións da clase traballadora.
Xunto a isto puxeron en común os modelos sindicais, as estratexias de negociación ou a necesidade de reformar a Lei Orgánica de Liberdade Sindical que favorece aos sindicatos maioritarios, o que prexudica aos intereses do conxunto da clase traballadora.
A Intersindical Valenciana sinalou ademais á CIG como un dos seus referentes para avanzar e chegar a ser o sindicato maioritario das traballadoras e traballadores valencianos.